O Sergas incorporará en xuño una pediatra no centro de saúde de Baltar

Sanxenxo
19 de maio 2017

O centro de saúde de Baltar contará cun segundo pediatra, a partir do mes de xuño. Así o anunciou o Servizo Galego de Saúde, apenas un día despois de que a valedora do pobo considerara insuficientes as explicacións do Sergas sobre a atención pediátrica no centro

Manifestación pola mellora do servizo no Centro de Saúde de Baltar Asociación Plataforma Veciñal Sanxenxo

O centro de saúde de Baltar contará cunha segunda pediatra, a partir do mes de xuño. Así o anunciou o Servizo Galego de Saúde, apenas un día despois de que a valedora do pobo considerara insuficientes as explicacións do Sergas sobre a atención pediátrica no centro.

A través dun comunicado, o Sergas recorda que a atención pediátrica ordinaria en Sanxenxo conta con dúas prazas asignadas, das que unha está ocupada por un pediatra e a outra dispón dende xaneiro dun médico de familia, que tamén dispón dunha sólida formación no eido da Pediatría -xa que as asistencias infantís figuran dentro das competencias da súa especialidade-. 

Non obstante, será a partires de xuño cando dito facultativo ceda a asistencia infantil de Atención Primaria á pediatra, mantendo así as dúas prazas cubertas con pediatras.

A autoridade sanitaria sinala que, a maiores desta cobertura ordinaria, o centro de saúde de Baltar conta cun Punto de Atención Continuada (PAC) que referencia as atencións pediátricas de urxencia ao Hospital Provincial do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

O Sergas engade que dará continuidade informativa ás argumentacións técnicas, asistenciais e poboacionais aportadas á valedora do pobo sobre a cobertura de profesionais de Pediatría deste centro de atención primaria.