"O Sergas quérenos así", de xeonllos e traballando 48 horas seguidas

Pontevedra
18 de novembro 2021

Persoal procedente dos nove Puntos de Atención Continuada (PAC) da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés que se ven afectados por unhas condicións de traballo extremas e uns horarios imposibles, concentrouse ao berro de "o Sergas quérenos así" namentres se poñían de xeonllos para amosar a impotencia coa que se atopan

Protesta do persoal dos PACs de xeonllons PontevedraViva

Nova xornada de protestas diante do Hospital Provincial de Pontevedra do persoal que traballa nos Puntos de Atención Continuada (PAC) dependentes do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Persoal procedente dos nove centros da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés que se ven afectados por unhas condicións de traballo extremas e uns horarios imposibles, concentrouse ao berro de "o Sergas quérenos así" namentres se poñían de xeonllos para amosar a impotencia coa que se atopan.

Esta é a única maneira na que poden denunciar a súa situación, xa que o persoal dos PACs non pode facer unha folga. "Somos un colectivo no que os servizos mínimos, tanto de celadores, enfermeiros, médicos, somos o cen por cen da plantilla, por tanto a folga non a contemplamos como unha medida de presión", declara a médica Irene Pardo, quen insiste en que o único que queren é que o Sergas "acepte negociar con nós, ao final lles facemos tanta falta como eles a nós".

Irene Pardo, médica do PAC de Bueu, exercía de portavoz dos seus compañeiros, e explicaba que tras a reunión mantida coa Directora Asistencial, Directora Médica e Directora de Recursos Humanos da área a única proposta por parte dos xestores da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés  era que aceptasen o seu plan "ben colaborando, ou ben acatando imposicións", e desde o colectivo sanitario a resposta foi que era imposible aceptar as condicións que lles presentaran.

Entre outras cuestións, debían ser os propios profesionais os que se encargasen de elaborar e asumir "uns calendarios nos que pretendían que buscásemos nós aos substitutos, e nos fixésemos cargo de ausencias previstas ou imprevistas dos nosos compañeiros". Ante a lóxica negativa do persoal médico, a Directora asistencial elaborou un calendario, que os profesionais aseguran que "incumpre a normativa que regula as nosas condicións laborais".

Irene Pardo pon como exemplo o seu posto no PAC de Bueu, no que ao ser a única médica por quenda, non pode permitirse unha ausencia xustificada, por enfermidade ou pola morte dun parente próximo, porque non hai previsión de cubrir unha posible incidencia deste tipo. Pero este problema tamén é común no resto dos PACs, porque no caso de centros con alta carga asistencial atendidos por tres profesionais, que falten un ou dous, como ocorreu na Parda (Pontevedra) e Baltar (Sanxenxo), prodúcese un caos no servizo, que sae adiante grazas ao sobreesforzo dos profesionais sanitarios.

Os PACs máis afectados pola falta de persoal para afrontar todas as consultas en condicións razoables son o da Parda (Pontevedra), Marín, Baltar (Sanxenxo), Vilagarcía e Cambados. A doutora Pardo expón que hai momentos nos que os pacientes se atopan nunha sala de espera con 15 ou 20 persoas por diante e "marchan sen ser valorados" a Urxencias de Montecelo, "cando é algo que si precisa unha proba complementaria pero que podemos solucionar doutra forma sen o paso por Urxencias", que finalmente tamén se vería saturada.

"Como vedes pinto canas e levo moitos anos de loita co Sergas para que normalice a situación asistencial", apunta outra das profesionais que se uniu nesta protesta, Amaia Pérez-Izaguirre, médica do PAC de Terra de Montes ubicado en Cerdedo (Cerdedo-Cotobade).

"Eu mesma vivín que a un compañeiro o desprazaran voluntariamente, bueno, ao PAC da Parda e a min me pediron que fixera 24 horas máis sobre as 24 que xa levaba feitas. Quero dicir que non é baladí todo esto de andar movendo profesionais de un PAC a outro porque implica que moitas veces, como é algo sobre a marcha que che din que fagas 24 horas sobre as túas 24 horas, e nós traballamos coa mente e sabemos o que produce cansancio nunha mente, as nosas decisións proceden do noso intelecto", lamenta Pérez-Izaguirre e engade que para moitos profesionais a situación é incluso peor, como o caso do persoal de Enfermería que encadea contratos de un só día e que obriga a "estar 24 horas pendentes do teléfono e non podemos asistirnos aos nosos dereitos da desconexión dixital, é dramático".

Nesta concentración houbo representación dos 9 Puntos de Atención Continuada da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés: A Parda (Pontevedra), Marín, Bueu, Caldas de Reis, Baltar (Sanxenxo), Terra de Montes (Cerdedo-Cotobade) Vilagarcía, Cambados e O Grove. Moitos dos profesionais presentes viñan directamente despois de facer unha longa garda.