O solar de Tafisa dispoñerá dunha parcela para autocaravanas

Pontevedra
18 de abril 2016
Actualizado: 20:02

A corporación de Pontevedra coñeceu este luns o proxecto do goberno local para habilitar unha parcela para autocaravanas no antigo solar da fábrica de taboleiros de Tafisa situada a beiras do río Lérez

Parcela de Tafisa

A corporación de Pontevedra coñeceu este luns o proxecto do goberno local para habilitar unha parcela para autocaravanas no antigo solar da fábrica de taboleiros de Tafisa situada a beiras do río Lérez. Foi no transcurso do pleno ordinario deste mes de abril.

Con esta proposta o goberno municipal do BNG aparca a súa idea de facilitar a creación dun hotel de catro ou cinco estrelas nestes terreos próximos ao Pazo de Cultura e ao Recinto Feiral, nunha contorna de fran calidade ambiental e a un paso do centro da cidade.

O solar é de titularidade municipal e conta con 3.173 metros cadrados de superficie localizados entre as rúas José Malvar e avenida de Bos Aires, é dicir, trátase da leira máis próxima á ponte dos Tirantes. 

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, explicou que levan varios meses traballando na creación desta área de estacionamento para caravanas e detallou que a proposta foi tratada coa Asociación Galega de Autocaravanas.

Proximamente acometeranse pequenas obras de acondicionamento deste espazo, ademais da oportuna sinalización.

A Concellaría confía en ter listo o terreo para este verán

O goberno local opta por esta vía despois de que resultasen infrutuosos os intentos para atopar un investidor privado que apostase pola construción dun hotel de cinco estrelas neste solar, para o que se prevé unha edificabilidade máxima de 8.700 metros cadrados.

Está prevista unha actuación na parcela para acondicionala ás necesidades deste tipo de área. Achantarase, asfaltarase unha parte e faranse depósitos para augas potábeis e grises.

A Concellaría confía en ter listo o terreo para este verán.

Dende o goberno local insisten en que "o Concello segue mantendo como prioridade o uso hoteleiro da parcela, de tal xeito que si chegase a posibilidade de instalar un hotel, este estacionamento de autocaravanas sería trasladado a outra parcela da cidade".