O Teatro Principal, tras varios meses pechado por obras, reabrirá as súas portas o próximo 5 de setembro. Farao para acoller as proxeccións dunha nova edición do ciclo Amal en Ruta. Pero en carteira do goberno municipal está seguir mellorando estas instalacións.
Será, se se cumpren as previsións do Concello, é tres fases. A primeira é consecuencia da crise da construtora pontevedresa Acevi, que deixou a reforma prevista a medio facer.
Nuns días comezará as obras de urxencia que se contrataron para poder reabrir as instalacións. Co oco do futuro ascensor xa tapado provisionalmente, farase un novo baño e levará a cabo unha limpeza industrial de todo o complexo.
Ademais, haberá que volver colocar as butacas que foran retiradas polas obras.
De maneira paralela, o Concello traballa na licitación dos traballos que a construtora deixou pendentes, especialmente a construción do ascensor, o segundo baño e outras cuestións relacionadas coa accesibilidade do Principal.
Esta segunda fase, segundo a edil de Cultura, Carmen Fouces, poderase ir executando aos poucos, de forma que non se altere a programación cultural prevista, aproveitando para avanzar nos traballos os días nos que non haxa actividade programada.
Pero a idea de fondo na que traballa o goberno municipal é recorrer a fondos europeos, concretamente á convocatoria do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) de entidades locais para acometer reformas "máis substanciais".
Sería unha reforma integral de todo o Principal, principalmente pensada para mellorar a eficiencia enerxética de todas as instalacións -salvo a iluminación que xa se cambiou integramente a LED- e que, ademais, incluiría a renovación completa de todo o patio de butacas.
A este proxecto, que xa está a ser redactado para poder presentalo á convocatoria dos fondos europeos, sumaríaselle un segundo proxecto, aínda por definir, que permitiría acceder a este mesmo programa de subvencións para reformar o Pazo da Cultura e o Recinto Feiral.