As obras da avenida de Ourense poñen rumbo ao tramo entre o edificio consistorial e a biblioteca Vidal Pazos

Marín
23 de xaneiro 2025
Actualizado: 18:08

Conservaranse as árbores que hai entre o Concello e os xulgados, ampliando a beirarrúa e creando uns novos alcorques para substituir os actuais parterres

Obras na avenida de Ourense en Marín Concello de Marín

As obras de humanización da avenida de Ourense, en Marín, encaran unha nova fase, agora centradas no tramo que vai desde o Concello ata a biblioteca pública Vidal Pazos.

A empresa adxudicataria explica que o seu obxectivo nesta zona é ampliar a beirarrúa á vez que se manteñen as árbores existentes entre o Concello e os xulgados. Para iso, eliminaranse os parterres de herba e crearanse alcorques de tamaño adaptado aos exemplares plantados.

Segundo a información facilitada desde o Concello, con esta actuación haberá máis espazo para os peóns, dado que actualmente a beirarrúa é demasiado estreita para o importante uso que se lle dá a esta zona. É unha área chea de instalacións clave como o Concello, Aduanas, os xulgados ou a biblioteca e soporta moito tránsito peonil.

A humanización xa avanzou en toda a fase de Cantodarea e ata o punto fronte ao astillero de Nodosa, onde se ubicará a rotonda que regulará mellor o tráfico. Esa será a última fase de execución do proxecto, financiado con fondos estatais.

Unha vez finalizado todo o itinerario, actuarase no pavimento da calzada e repintarase o eixo dos carrís de circulación.

Dentro do proxecto está incluída a renovación das farolas e puntos de luz e en paralelo tamén está prevista a instalación de bancos e outro mobiliario urbano de xardinaría, que correrá a cargo dos fondos propios municipais.