As obras de mellora da estrada de Tomeza comezarán en primavera

Pontevedra
29 de xullo 2025

A Deputación aprobará este xoves o expediente para contratar a reforma desta estrada provincial EP-0002 Marco-Tomeza-Figueirido, cun investimento de máis de 1,7 millóns de euros

Visita á estrada provincial EP-0002 O Marco-Tomeza-Figueirido Pontevedra Viva

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, e a alcaldesa en funcións de Pontevedra, Eva Vilaverde, visitaron este martes a estrada provincial EP-0002 O Marco-Tomeza-Figueirido.

Fixérono acompañados da deputada de Infraestruturas Públicas, Belén Cachafeiro e dos concelleiros Xaquín Moreda e Demetrio Gómez.

Neste acto, o vicepresidente provincial anunciou que a Xunta de Goberno da Deputación aprobará este xoves o expediente para contratar as obras de mellora da mobilidade peonil, cun investimento de máis de 1,7 millóns de euros.

Rafa Domínguez destacou que "trátase dunha actuación moi demandada pola veciñanza",  que permitirá mellorar de xeito integral os primeiros 2.500 metros desta estrada provincial "para garantir a súa funcionalidade e seguridade".

Eva Vilaverde remarcou que a Deputación encargarase de financiar o 80% da actuación, con preto de 1,4 millóns de euros, e o Concello de Pontevedra achegará o 20% restante procedente de fondos propios.

Rafa Domínguez e Eva Vilaverde    Deputación de Pontevedra

Aínda que a obra será adxudicada, previsiblemente, no mes de decembro, non será ata a primavera cando comecen os traballos debido ás humidades da zona e para non ocasionar molestias á veciñanza e usuarios desta vía. 

En liñas xerais, renovarase o firme existente e crearase unha senda peonil, xa que nestes momentos non existen nin beiravías, nin espazos adecuados para que as persoas transiten con seguridade.

Esta vía forma parte do Camiño Portugués cara Santiago de Compostela.

Trala reforma, a estrada provincial contará con dous carrís e unha senda peonil de 2,5 metros de ancho mínimo na marxe esquerda, así como unha separación entre a senda e a calzada e unha cuneta de ancho variable segundo o espazo dispoñible.

Ademais, en dous tramos proxéctanse dúas plataformas elevadas como zonas de convivencia de tráfico peonil e rodado, con prioridade peonil e maiores limitacións de velocidade, xa que debido ás vivendas non é posible acadar o ancho necesario para executar a senda peonil.

A vía será pavimentada cunha nova capa e, pola súa banda, a senda e as zonas de convivencia con formigón coloreado.

Tamén se executará unha cuneta de formigón para a drenaxe da vía e muros de contención, así como unha varanda de aceiro nos tramos da senda peonil onde existan desniveis perigosos.

Ademais, canalizarase o alumeado público para a futura instalación de nova iluminación, acondicionaranse as interseccións e dotarase á estrada de nova sinalización horizontal e vertical.