Operativo especial de tráfico con motivo das festas en Combarro

Poio
20 de agosto 2019

Con motivo da celebración das Festas do Mar e do Festival Armadiña Rock entre o 21 e o 25 de agosto, a Policía Local de Poio estableceu un plan de seguridade con reforzo de efectivos durante as noites

Segunda noite de programación musical do festival Armadiña Rock Estrella Galicia 2018 ACDeM Armadiña

Entre o mércores 21 e o domingo 25 de agosto van desenvolverse dous acontecementos que sumarán milleiros de persoas ás rúas de Combarro en Poio: a Festa do Mar e o Armadiña Rock. Para tentar facer fronte ao numeroso público durante estas vindeiras xornadas, a Policía Local de Poio estableceu un operativo especial de tráfico para unha zona na que habitualmente se rexistran retencións na circulación.

Para garantir os accesos a Combarro, durante as mañás e as tardes, a aquelas persoas que se acheguen ata a Mostra Gastronómica e ás exposicións no Peirao da Canteira, a Policía Local recomenda que se aparque na zona da Seca-Reiboa, no estacionamento do cemiterio, no do tanatorio ou nos situados no IES Fontenla e no CEIP Chancelas. Son espazos de estacionamento que se atoparán sinalizados. O Porto da Canteira permanecerá aberto ata o límite de prazas dispoñibles.

Os autobuses que precisen acceder ao Centro Histórico de Combarro poderán realizar a carga e descarga de pasaxeiros na zona de acceso ao porto e nesa contorna, coa obriga de abandonar o centro de Combarro para permitir a circulación. 

Durante a noite, o plan de seguridade cidadá terá como obxectivo principal garantir ás persoas asistentes á seguridade e a convivencia cidadá. Vai realizarse unha especial atención a que se desenvolvan sen incidencias os concertos que se levarán a cabo dentro da programación do Festival Armadiña Rock. A Policía Local incrementarase en catro patrullas que se atoparán a disposición da cidadanía na zona da Praza da Chousa.

Entre os operativos previstos para estas actividades estará unha ambulancia, tres técnicos sanitarios e un médico. Para calquera demanda, as persoas que asistan poderán poñerse en contacto coa Policía Local a través do teléfono 689.575.495.