O Concello de Soutomaior deu a coñecer este venres a programación de verán 2025, que se desenvolverá baixo o lema 'Moito Verán. Soutomaior é moito'.
O alcalde, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Festas e Mocidade, Gonzalo Outeiro, foron os encargados de presentar unha axenda que chega tras o éxito da pasada edición, que atraeu a milleiros de persoas e superou as expectativas.
A proposta inclúe plans familiares ata propostas inclusivas, sostibles e saudables. O Goberno local espera que o calendario contribúa a reforzar a actividade económica do municipio, especialmente en sectores como a hostalaría e o comercio.
A programación combinará unha programación propia con celebracións que reúnen os veciños de todo o concello. Así, pasarán por Soutomaior formacións e artistas como Panorama, Talco, París de Noia, De Ninghures, 9Louro, Mekánika Rolling Band ou a Orquestra Bravú Xangai.
Durante a presentación, Lourenzo subliñou que esta axenda reflicte "un modelo de concello vivo e dinámico", con propostas pensadas para toda a cidadanía. Tamén destacou o verán como un momento clave para pór en valor os espazos públicos e afianzar a posición de Soutomaior como referente cultural e de lecer.
Na mesma liña, Outeiro explicou que o obxectivo é ofrecer unha programación "ampla e variada" para todos os públicos.
O calendario arrincará o 23 de xuño coa celebración de San Xoán, que incluirá actuacións musicais, animación de rúa, un xogo familiar centrado nas herbas tradicionais e unha fogueira adaptada.
A finais de mes, os días 26 e 27, celebrarase na Carballeira do Peirao unha nova edición da Orgullosa, con actuacións de Rabelo e Nenaza.
O 5 de xullo chegará o festival de danza contemporánea Rebulir, que se desenvolverá en distintos puntos do municipio; o 11 de xullo terán lugar os concertos de verán con Talco, De Ninghures, 9Louro e La Duendeneta; o 24 do mesmo mes celebrarase o Día das Avoas e dos Avós e o día 25 haberá actividades familiares como inchables e unha festa da espuma no peirao de Arcade.
A Semana Grande celebrarase do 1 ao 7 de agosto, con actuacións da Mekánika Rolling Band, a Orquestra Bravú Xangai e orquestras como Panorama, París de Noia e Kubo. O 14 de agosto dedicarase á figura de María Vinyals e, ao día seguinte, a Recalada volverá encher o peirao de Arcade de actividades.
O programa continuará o fin de semana do 22 e 23 de agosto co festival infantil Punkativada, seguido das carrilanas o 29 de agosto. Como peche, en setembro terán lugar o Festival de Bandas de Música 'Carlos Abal' (día 5), a III Andaina Valle-Inclán (día 13) e o Certame de Corais (día 19).
Desde o Concello lembran que esta é só unha parte da programación prevista para os próximos meses.