Os antitouradas volven esixir na rúa a abolición da tauromaquia en Galicia

Pontevedra
12 de agosto 2017

Baixo un berro unánime, "touradas fóra de Pontevedra", preto dun milleiro de persoas participaron na manifestación antitaurina que percorreu este sábado as rúas da cidade de Pontevedra, coincidindo coa celebración da terceira xornada da feira taurina da cidade, a única que se segue organizando en Galicia

Manifestación antitouradas en Pontevedra Cristina Sáiz

Baixo un berro unánime, "touradas fóra de Pontevedra", preto dun milleiro de persoas participaron na manifestación antitaurina que percorreu este sábado as rúas da cidade de Pontevedra, coincidindo coa celebración da terceira xornada da feira taurina da cidade, a única que se segue organizando en Galicia.

A manifestación, que estaba apoiada por máis dun centenar de colectivos políticos, sociais e culturais, partiu pouco despois das oito da tarde da praza da Peregrina.

Estivo presidida por unha gran pancarta na que se podía ler "a tortura non é arte nin cultura" e nela os participantes solicitaron a abolición da tauromaquia.

Ao remate da marcha, a xornalista Diana López Varela foi a encargada de dar lectura ao manifesto deste ano.

Nel, os animalistas reclamaron unha lei de protección animal que "poña fin as touradas no noso país dunha vez por todas", adaptándose á "realidade social" dunha comunidade na que "non teñen arraigo" e a afección "é case nula".

Todos eles acusaron ao goberno galego e ao Partido Popular de "manter vivo artificalmente o negocio duns poucos", ao entender que se trata dunha actividade "ruinosa" que non se sustentaría "se non fose pola súa capacidade para succionar diñero público" e pola influencia duns empresarios "que seguen estando ben preto do poder político".

Ademais, tamén criticaron o convenio que asina anualmente o Concello de Pontevedra cos propietarios da praza de touros para usar as súas instalacións para diversas actividades, xa que se trata de "falsos pretextos" baixo os que se seguen financiando, aínda que sexa indirectamente, as corridas de touros na cidade.

"O movemento demóstrase andando e é necesario dar novos pasos para evitar que o diñeiro de todos acabe nos petos do empresariado taurino", sinalou López Varela, durante a súa lectura ao comunicado de Touradas Fóra de Pontevedra, colectivo convocante da manifestación deste sábado.