Os particulares de Estribela e o centro histórico que desexen emprender obras de rehabilitación das súas propiedades poden facelo ata finais deste ano. Así o definiu o Ministerio de Fomento, que xunto co Concello impulsa as áreas de rehabilitación integral destes dous conxuntos urbanos.
Grazas a esta prolongación dos prazos poden rematarse en Estribela algunha máis das 33 obras que están sen concluír, dun total de 58 das que constaba a actual fase.
No centro Histórico había previstas 100 iniciativas das que foron rematadas 70 e quedan 30 co prazo ata fin de ano.
Por outra parte, un novo acordo entre o Ministerio e o Concello ao que tamén se sumou a Xunta, vai permitir subvencionar máis obras: 28 en Estribela e 50 no centro Histórico. Os interesados poden obter máis información na oficina municipal do ARI, ubicada nun lateral do Teatro Principal.
A concelleira Carme da Silva subliñou ao presentar estes datos que os ARI están servindo para realizar pequenas obras que aumentan a calidade e a habitabilidade das vivendas destes dous centros urbanos.