Os comuneiros de San Martiño avanzan no seu plan para dotar a Vilaboa dun tanatorio

Vilaboa
17 de decembro 2018

A asemblea aprobou adquisición de tres parcelas coas que se sumaría unha superficie duns 3.000 metros cadrados. Posteriormente a comunidade de montes cederá estes para a construción dun tanatorio e un aparcadoiro

Asemblea extraordinaria dos comuneiros de San Martiño Comunidad de Montes de Vilaboa

Os comuneiros de Vilaboa reuníronse este domingo nunha xunta extraordinaria para avanzar no seu plan para construír un tanatorio na centralidade do municipio.

O asunto suscitou gran interese como demostra a boa asistencia que tivo a asemblea, á que acudiron 114 comuneiros dos 160 que conforman esta comunidade de montes de San Martiño.

A asemblea aprobou adquisición de tres parcelas coas que se sumaría unha superficie duns 3.000 metros cadrados. Posteriormente a comunidade de montes cederá estes para a construción dun tanatorio e un aparcadoiro.

Os comuneiros dan este paso unha vez que foi aprobado o PXOM que permite contar co chan tipificado como dotacional explicitamente para esta finalidade. 

Os plans da Comunidade de Montes son que a construción de tanatorio corra a cargo directamente da empresa explotadora. 

XABIER MÍGUEZ

A asemblea tivo un xesto de agarimo ao ex presidente Xabier Míguez, ovacionado por todos os asistentes "por todo o traballo que fixo na súa etapa de presidente e sobre todo por iniciar os pleitos contra o Ministerio de Defensa pola ocupación dos terreos do monte comunal, e polos que a comunidade recibe unha cuota anual, xa que o xuizo gañouse e a foi recoñecida a titularidade do monte para os comuneiros", sinalaron desde a directiva.