Os negocios de Poio adiantan a hora de peche para fomentar o confinamento e frear os contaxios

Poio
22 de xaneiro 2021

Os establecementos comerciais dun dos municipios máis golpeados pola terceira onda da pandemia acordan pechar as súas portas ás 19 horas para reducir ao máximo as interaccións sociais, conseguir que os veciños permanezan menos tempo na rúa e animar aos políticos para "tomar  decisiónes sen medo"

Tenda de Poio Concello de Poio

Poio é un dos municipios que máis está a sufrir os efectos da terceira onda da covid-19. Con centos de casos activos, o goberno local xa asume que terá que aplicar as restricións máis severas para frear o ritmo de contaxios. Co obxectivo de contribuír a mellorar a situación, a Asociación de Empresarios e Empresarias de Poio puxo en marcha unha campaña para animar a todos os negocios a adiantar a hora de peche ás 19 horas.

"Queremos pechar antes para que a xente esté menos tempo na rúa e tamén para concienciar aos políticos de que non teñan medo a tomar decisións", declarou o tesoureiro do colectivo Arsenio Pedre, propietario da tenda de electrodomésticos  Tien 21 Aral en  Porteliña. 

A idea xurdiu este xoves durante a reunión dos integrantes do colectivo. Algúns, como a papelería Tizas ou o despezamento Catoira, xa a implantaban e agora propoñen estendela aos demais. Polo momento son 12 os establecementos que xa se sumaron a esta campaña, pero confían en que nas próximas horas serán moitos máis os que se animen a facelo. 

"É voluntario, pero cantos máis sexamos mellor", recoñece Pedre,  portavoz neste caso dun colectivo que engloba a 29 titulares de 29 empresas.

Os mecanismos para pechar ás 19 horas son variados, desde realizar un horario continuo ata completar a xornada con atención telefónica. En calquera caso, o espírito desta campaña é contribuír á loita contra a pandemia e non terá ningún tipo de consecuencia nas nóminas das persoas que traballan nestas empresas. 

Desde o Concello de Poio agradecen este xesto e poñen en valor unha iniciativa na que predomina o interese xeral en favor do benestar de todos e todas.