Os sindicatos de xustiza sitúan o seguimento da folga nun 95%, a Xunta rebáixao á metade

Pontevedra
08 de febreiro 2018
Actualizado: 18:12

O comité de folga apunta que no conxunto das sedes xudiciais da cidade do Lérez tivéronse que suspender 46 xuízos e tres videoconferencias, que son xuízos que se están celebrando noutras localidades

Protesta dos traballadores da administración de xustiza PontevedraViva

As sete centrais sindicais convocantes da folga indefinida na administración de xustiza situaron nun 95% o seguimento da segunda xornada de paro, "máis que onte".

O comité de folga apunta que no conxunto das sedes xudiciais da cidade do Lérez tivéronse que suspender 46 xuízos e tres videoconferencias, que son xuízos que se están celebrando noutras localidades.

Os servizos mínimos están a cumprirse "a rajatabla", aseguran.

A través dun comunicado, a Xunta de Galicia rebaixa esta incidencia en Pontevedra ao 48,91% e lamenta os "incidentes" rexistrados no edificio da Parda en Pontevedra onde se obstaculizou o servizo do Rexistro Civil. Os sindicatos xa adiantaron que o volverán a colapsar este venres 9 e tamén o martes 13.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza confirmou que os servizos mínimos "están a cumprirse na súa totalidade" e que en toda Galicia participan no paro 1.137 traballadores dun total de 2.700 empregados públicos do sector xudicial autonómico que a secundan.

Durante esta xornada os sindicatos colapsaron o Rexistro Civil e colgaron durante uns minutos unha pancarta reivindicativa no balcón principal do Pazo de Xustiza, sede da Audiencia Provincial.

Os sindicatos acusaron á Xunta de "incendiar a folga" e advertiron que "os traballadores están moi indignados e isto vai para longo se non nos chaman con ofertas serias".

A Xunta cualifica de "absolutamente inasumible" o aumento salarial do complemento transitorio que demanda o comité de folga e que cifra "nuns 3.000 euros ao ano" por traballador público é para as arcas públicas galegas. A consellería de Alfonso Rueda insiste en que a proposta autonómica sitúa as retribucións dos funcionarios xudiciais da comunidade "por encima da media".

En concreto, a Xunta expón un incremento para partir do 1 de xaneiro de 2019 que se aplicaría en tres anualidades consistente en 75 euros ao mes (900 euros ao ano) para os xestores; 62 euros ao mes (744 ao ano) para os tramitadores; e 55 euros ao mes (660 ao ano) para os auxilios.