A Xunta de Persoal é un órgano colexiado "non presidencialista". É a primeira mensaxe que quere trasladar Carmen Revenga, a nova presidenta neste mandato do órgano encargado de representar os traballadores dos hospitais de Pontevedra.
Este xoves 4 de abril, 15 días despois de que obrigasen á anterior presidenta Carolina Iñarrea, de Prosagal, a cesar no cargo, os sete sindicatos que provocaron o cambio de liderado na Xunta de Persoal manifestaron os motivos polos que provocaran esa destitución. Alegan que a anterior presidenta outorgábase a representatividade sen contar co pleno chegando mesmo a presentar recursos de alzada sen informar aos delegados da Xunta de Persoal.
Ademais, estes sindicatos indican que Carolina Iñarrea só estaba a representar a unha parte dos traballadores, cando só conta con 9 delegados dos 18 que compoñen a Xunta de Persoal. Tamén sinalan que a presidenta cesada mantiña unha actitude ditatorial, con afirmacións sempre interesadas sobre unha falta de transparencia no funcionamento sindical que sinalan que non son certas.
Sinalan que a anterior presidenta mantiña unha actitude ditatorial
Por último sinalan que son moi graves as acusacións constantes e indiscriminadas por parte de Carolina Iñarrea ao resto de compañeiros da Xunta de Persoal. Neste sentido, o sindicato Traballadores da Sanidade Pública (TSP), que lidera Cándido Sartier, anunciou que queren acudir á vía xudicial para presentar unha demanda contra a ex presidenta por realizar difamacións.
O resto de centrais sindicais (CESM-O'Mega, CIG, Comisións Obreiras, Satse, UXT e CSIF) non teñen previsto emprender accións xudiciais polas declaracións de Iñarrea nas que estes sindicalistas eran cualificados como "mafia", a pesar de que consideran que estas expresións son delituosas.
Estes sindicatos entenden que a Xunta de Persoal será operativa co sistema rotatorio cada catro meses na presidencia e na secretaría deste órgano porque se trata dunha fórmula empregada noutros mandatos sen que se rexistrasen incidencias. Insisten en que as decisións se adoptarán de forma colexiada porque isto "non é Maduro", alega un sindicalista facendo referencia á actividade política do presidente de Venezuela en relación coa empregada por Iñarrea como representante dos traballadores dos hospitais pontevedreses.