Os traballadores de Linorsa decidirán este venres se inician unha folga de limpeza nos centros de saúde

Pontevedra
20 de novembro 2014

Por outra banda, o sindicato CIG coñecerá a vindeira semana se o Ministerio de Defensa vai prorrogar a concesión á empresa Cleanet da cafetería da Brilat, á que se opón tras ter presentado ante a Fiscalía unha denuncia por vulneración dos dereitos das traballadoras afiliadas á central nacionalista

Responsables de CIG-Servizos e representantes sindicais na cafetería da Brilat PontevedraViva

Dúas asembleas dos traballadores da empresa de limpeza Linorsa que se desenvolverán este venres 21 pola mañá e pola tarde serán decisivas para coñecer se o plantel inicia unha folga no servizo de limpeza que se realiza nos centros de saúde durante os próximos días.

Dende o sindicato CIG entenden que o paro, aínda por decidir se sería indefinida ou limitada a uns días, é a medida necesaria para que a administración anule a concesión con esta empresa que debe a metade do salario do mes de outubro, ademais de anunciar que tamén se deberá a metade da de novembro e a de decembro, á marxe de que non percibirán a paga extra.

A decisión adóptase porque dende a administración autonómica comunicaron ao sindicato nacionalista que mentres non se vexa afectado o servizo non se pode rescindir a concesión aínda que a empresa non pague os traballadores.

CLEANET

As traballadoras da limpeza da Brilat e da Escola Naval de Marín pertencentes á empresa Cleanet suman máis de medio ano cobrando as nóminas con atraso. Por este motivo, dende o sindicato nacionalista levarán a cabo concentracións o xoves 27 ás 10.00 horas ante o Cuartel da Brilat en Figueirido e a partir das 11.00 horas ante a porta da Escola Naval de Marín. Con estas concentracións queren mostrar a súa oposición ao acordo entre a empresa e o Ministerio de Defensa para establecer prazos nos próximos meses para cobrar os atrasos.

Por outra parte, a CIG tamén sinalou que o luns 24 manterán unha reunión en Valladolid con responsables da concesión da prórroga do servizo de cafetaría das instalacións da Brilat en Figueirido. Dende o sindicato nacionalista reclaman que se rexeite esta prórroga cando finalice, o 31 de decembro de 2014, á actual concesión a Eshovet Po-Ca do empresario José Luis Espinar Galán, imputado por un presunto delito de represión sindical e reclaman que se abra un novo concurso no que brille a transparencia, segundo manifestou Diana Rodríguez, responsable da Federación de Servizos da CIG.

A actual empresa encargada deste servizo conta cunha denuncia presentada pola CIG ante Fiscalía por vulnerar os dereitos que sofren as traballadoras afiliadas ao sindicato nesas instalacións.