Pontevedra acaba de recibir un novo convite para expoñer o traballo realizado arredor do seu modelo urbano ante un público internacional. Nesta ocasión, o convite chega desde París e refírese á participación no mes de novembro nun encontro internacional sobre a pegada de carbono nas cidades e o medio ambiente urbano.
O convite recibiuno o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, este sábado con motivo da súa participación no Encontro Internacional de Cidades e Territorios Positivos (LH Forum) organizado pola Fundación P+sitive Planet na localidade francesa de Le Havre.
O alcalde mantivo un encontro con Carlos Moreno, científico e catedrático de Territorio da Universidade Sorbona e asesor da alcaldesa de París, Anne Hidalgo; e con Jacques Attali, teórico economico e social francés, escritor e asesor político de distintos gobernos como os de François Mitterrand ou Nicolas Sarkosy e considerado por Foreing Policy un dos 100 mellores pensadores globais.
Segundo a información facilitada polo Concello de Pontevedra, no transcurso dese encontro propuxéronlle a participación no encontro de novembro, unha cita que Lores mesmo podería inaugurar xunto á alcaldesa de París, que nestes momentos está inmersa na decisión política de humanizar a îlle de France.
O LH Forum no que está a participar Lores foi creado en 2012 por Jacques Attali e está dirixido ao público en xeral. Reúne a todos os actores comprometidos cunha transición positiva e sostible dos territorios. O alcalde foi convidado a dar este sábado a conferencia de clausura do Forum, acompañado de Jacques Attali, e o alcalde de Le Havre, Luc Lemonnier.
O Concello de Pontevedra informou a través dun comunicado que Lores puido comprobar a relevancia que Pontevedra está a ter no congreso e mantivo contactos con outros alcaldes, como o de Grenoble, Éric Piolle.