Máis de 35.000 peregrinos pasaron por Poio en 2024

Poio
01 de agosto 2025

Outro dos puntos de atracción das persoas que visitan o concello de Poio son as festas, e precisamente ven de presentarse a programación das do Divino Salvador

Dúas peregrinas facendo o Camiño de Santiago Xunta de Galicia

Poio recibiu o pasado ano a 35.000 peregrinos, 23.900 na Variante Espiritual e 11.700 pola Ruta do Padre Sarmiento, segundo os datos recollidos pola Mancomunidade do Salnés.

O dato foi destacado este venres pola concelleira de Turismo, Rocío Cochón durante unha visita os traballos de ampliación do Albergue 'Nuestra Señora del Camino', en Casalvito.

A concelleira subliñou o gran crecemento das dúas rutas que atravesan Poio, reflectido na ampliación deste establecemento pioneiro e na próxima apertura de alomenos un novo albergue no municipio.

Rocío Cochón tamén salientou iniciativas como o Punto de Atención ao Peregrino, que estará en funcionamento antes de rematar o ano.

Presentación das festas de San Salvador

FESTAS DO DIVINO SALVADOR

Outro dos puntos de atracción das persoas que visitan o concello de Poio son as festas, e precisamente nestes días o alcalde, Ángel Moldes, e os concelleiros de Festexos e de Cultura e Educación, Fran Dasilva e Natalia Sabarís, participaron na presentación da programación das festas patronais do Divino Salvador, que mesturan música, cultura e tradición.

As celebracións comezarán o martes, día 5, coa lectura do pregón a cargo de Jorge Juan Gómez Gude, cura párroco e catedrático emérito da Universidade de Vigo, ás 21.30 horas no adro da Igrexa de San Salvador.

Posteriormente actuará o grupo de gaitas Vides Novas e a noite rematará coa actuación do grupo Alianza.

O mércores 6, ás 12.30 horas celebrarase a misa solemne na honra a San Salvador, cantada pola Coral Virxe da Renda, Combarro. A procesión estará acompañada pola Banda de Música Municipal de Redondela e pola Escola de Música tradicional de Poio. A partir das 21.00 horas a verbena estará amenizada polas orquestras La Ocaband e o grupo Azabache.

Xa o xoves 7, a misa na honra á virxe do Carme será ás 12.30 horas e estará cantada pola Coral Virxe de Fátima de Campelo. De seguido sairá a procesión, acompañada pola Escola de Música tradicional de Poio. Pola tarde, ás 21.00 horas actuará o grupo Chispas do Lérez e a verbena comezará ás 22.00 horas coa orquestra Os Satélites.

O último día da festa, o venres 8, dedicarase aos máis pequenos da casa, cunha festa infantil con inchables, toro mecánico e festa da escuma. Será a partir das 18.00 horas.