Unha persecución remata cun coche patrulla da Policía Local caendo a unha leira en Josefina Arruti

Pontevedra
06 de marzo 2026
Actualizado: 15:16

O vehículo policial precipitouse dende unha altura de dous metros tras un choque lixeiro, resultando ferido leve un dos axentes

O coche da policía local que caeu na leira en Josefina Arruti

A madrugada deste venres, 6 de marzo, rexistrou un espectacular suceso nas rúas de Pontevedra que culminou co vehículo da Policía Local accidentado na contorna de Josefina Arruti.

O incidente tivo a súa orixe arredor das 00.48 horas, momento no que unha patrulla identificou un turismo á altura do semáforo da rúa José Malvar.

Tras recibir o alto dos axentes, o condutor iniciou unha fuxida a gran velocidade que percorreu arterias principais da cidade como Doce de Novembro, Eduardo Pondal e Josefina Arruti.

O desenlace da persecución produciuse na contorna rúa Estación, fronte á estación de autobuses.

Nese punto, os axentes lograron dar alcance ao fuxitivo e produciuse unha leve colisión entre ambos automóbiles.

Como consecuencia do impacto, o policía que conducía o patrulleiro perdeu o control do coche, subiu á beirarrúa e acabou precipitándose polo desnivel.

O vehículo policial caeu duns dous metros de altura tras levar por diante o valado de protección do paso que conecta a rúa Josefina Arruti coa Avenida de Vigo, á altura daa rotonda.

Malia o impacto e o aparatoso da caída, os dous ocupantes puideron abandonar o habitáculo polo seu propio pé; mentres que o condutor resultou ileso, o seu compañeiro sufriu diversas feridas de carácter leve.

Polo que respecta ao vehículo perseguido, os axentes conseguiron a súa identificación, aínda que polo de agora non se puido proceder á detención das persoas que viaxaban nel.

A zona onde quedou o coche patrulla permanece precintada dende as primeiras horas da mañá á espera de que o vehículo sexa retirado do recinto.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora