Os petiscos máis saudables, no 'PousaChef' do CRA de Vilaboa

Vilaboa
27 de maio 2025

Coordinados polo profesorado do centro os nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos amosaron as súas habilidades na cociña capitaneados polas súas familias, compartindo coa cativada unha xornada gastronómica

'PousaChef' no CRA de Vilaboa Concello de Vilaboa

Cinco equipos nomeados pola temática das prantas aromáticas que utilizaron na elaboración dos seus pratos, ourego, menta, albahaca, cilantro e perexil, participaron na primeira edición do 'PousaChef' organizado polo CRA de Vilaboa.

Coincidindo coa celebración do Día Nacional da Nutrición  o 28 de maio, os responsables do centro educativo quixeron desenvolver esta iniciativa inspirada no coñecido concurso televisivo 'MasterChef', na que participaron o alumnado e as súas familias.

Coordinados polo profesorado do centro, os nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos amosaron as súas habilidades na cociña capitaneados polas súas familias, compartindo coa cativada unha xornada gastronómica na que a calidade da nutrición foi o fío conductor.

Os equipos seleccionaron os alimentos no supermercado simulado na escola. Cada equipo contou cun mandil dunha cor diferenciada e personalizados co nome de cada un.

Ao longo de todo o curso os nenos e nenas do CRA levan implementando merendas colectivas e saudables coa axuda das súas profesoras.

'PousaChef' no CRA de VilaboaConcello de Vilaboa

En lugar de levar da casa os alimentos a consumir, fan un pedido para toda a semana a Autoservicio Calvar, fomentando tamén o consumo no pequeño comercio local, co que logo preparan os petiscos para consumir no descanso para os 28 compañeiros da escola cada día.

Apostan así por unha alimentación saudable coa froita como elemento principal e con elaboracións sinxelas e moi nutritivas.

As familias e o alumnado valoraron moi positivamente esta iniciativa que tamén se fai diariamente na escola de Barciela e nas escolas de Bértola, Figueirido e Paredes dun xeito máis puntual.

Conchita Pérez, directora do CRA, explica que o espíritu do PousaChef é implicar ás familias na vida da escola trasladándolles a importancia de que os menores aprendan a darlle á alimentación a relevancia que terá no seu futuro.

"Con moito realismo as familias, nenos e mestras pasamos unha xornada inesquecible", explicou a directora, que quixo agradecer o traballo das mestras Henar Lameiro Cortegoso, Marta Rodríguez Bautista e Ana Iglesias Azurmendi, para impulsar esta iniciativa.