PODCAST. No verán do hit 'La morocha', este venres toca bailar coa 'Morena' de De Ninghures

Pontevedra
15 de agosto 2025
Actualizado: 14:05

De Ninghures é unha das bandas do novo folk galego a ter presente. Estarán en directo este venres 15 no escenario da Praza da Ferrería e, por suposto, non faltará o seu maior éxito: 'Morena'

De Ninghures leva a súa 'Feira' á praza da Ferrería Arancha Brandón

De Ninghures subirá este venres 15 ao escenario da Praza da Ferrería ás 21.00 horas, dentro do programa das Festas da Peregrina. O seu acento musical está entre o novo folk galego, os novos 'tradis'.

Chegan nun verán no que o hit latino de Luck Ra 'La morocha' copa calquera festa; pero hai que lembrar que antes, desde 2023, De Ninghures xa puxeron á 'Morena' no máis alto, e segue sendo a súa canción máis exitosa.

"É unha canción que non falta nunca nos directos. É un tema que ao ser máis coñecido, vívelo máis co público, é unha sensación moi chula", comenta Marta no podcast 'Cara a cara'.

Iniciaron andaina en 2019 e publicaron o seu primeiro álbum, 'Aquí' no 2022. Un traballo inicial no que revisaron temas do cancionero popular. Tras varios sinxelos, a comezos deste ano publicaron o segundo traballo, 'Feira'.

Para este álbum contaron coa produción de Juan de Dios, 'o oitavo pasaxeiro', como o alcuman o sete integrantes de De Ninghures. Un elepé no que inclúen xa temas propios, introducindo sonoridades actuais e elementos doutras músicas de raíz.

Fan revisión, adaptación, fusión, "hai un pouco de todo. Adaptámonos aos tempos, como sempre sucedeu. Facer que o folk se vaia adaptando aos gustos actuais. Creo que somos un grupo folk, pop… mesturamos varios xéneros para chegar a todos os públicos", explica Adri.

O certo é que este xénero está nun momento moi efervescente, non só en Galicia; pero acoutando a xeografía e no caso concreto desta banda "si que dá a sensación de vivir un momento bonito, en auxe", apunta Marta, engadindo que pola contra, o idioma "está a vivir un momento bastante malo porque está a perder falantes. A nosa esperanza é que a través da música, ou a forma que sexa, creza e viva moito tempo".

Con esta xira 'Feira' chegarán aproximadamente ao medio centenar de actuacións. "Moita viaxe, moita estrada. É o primeiro ano que saímos a Europa e tamén en España estivemos en Barcelona e en novembro estaremos en Madrid. É canso pero gratificante andar así. Estamos superagradecidos de que a xente nos escoite", di Adri.