Poio defende a "absoluta prioridade" do novo contrato da auga tras as últimas avarías na rede

Poio
18 de xuño 2025
Actualizado: 17:44

O Concello asegura que desde finais do mes de maio sucedéronse as avarías na rede de abastecemento con incidencias na Caeira, Lourido, Campelo, Raxó ou San Xoán

Avaría na rede de abastecemento de Poio Concello de Poio

Para o Concello de Poio contar cun novo contrato que regule o abastecemento de auga no municipio é unha "absoluta prioridade".

Así o asegura o goberno local tras as últimas avarías sufridas na rede.

En concreto, detalla o Concello, desde que o pasado 28 de maio detectásese unha avaría en Chancelas sucedéronse incidencias en Raxó (29 de maio), A Caeira (31 de maio e 10 de xuño), Lourido (31 de maio e 10 de xuño), Camiño do Penedo (10 de xuño) e a Avenida de San Xoán (9 de xuño) deixando a veciños sen subministración durante varias horas.

Trátanse para o alcalde, Anxo Moldes, das consecuencias de estar durante sete anos cun contrato prorrogado e caducado.

"Co novo contrato de auga, non só regularizamos unha situación que resultaba insostible e precaria desde hai xa moito tempo, senón que tamén estamos ofrecendo solucións e dando resposta a carencias históricas en zonas rurais con gran poboación que, a día de hoxe, continúan sen ter conexión de saneamento e abastecemento de auga ás súas vivendas ou que sofren avarías constantes na rede", defende o alcalde.

Moldes afirma que co novo contrato prevense máis de 15 millóns de euros en investimentos para mellorar os sevicios básicos e ampliar a rede até lugares que carecen de servizo. Entre eses investimentos inclúese un novo depósito no Sartal, e permitirá desbloquear o polígono industrial de Fragamoreira.

Trátase de investimentos que se realizarán ao longo do catro anos iniciais do contrato.

Un novo documento que actualmente se atopa, até o día 10 de xullo, en fase de exposición pública.