Poio destina os fondos de eventos cancelados a obras e servizos sociais

Poio
19 de agosto 2020

A cancelación das festas do Mar, da Ameixa e de festas parroquiais supoñen un aforro de 73.500, que servirán para pagar obras en Combarro, así como en camiños e estradas; ademais de ampliar o orzamento do Fondo de  Emerxencia Social e a compra dun furgón para a Policía Local

Presentación da Festa da Ameixa de Campelo 2019 PontevedraViva

O pleno extraordinario previsto para o 25 de agosto en Poio ten previsto aprobar unha modificación de crédito que servirá para utilizar os fondos inicialmente destinados á organización de diferentes eventos e festas que pola Covid-19 tiveron que cancelarse. Estas cantidades empregaranse para o pago de diferentes actuacións e para incrementar o orzamento do departamento de Servizos Sociais.

O responsable da área de Facenda e Patrimonio, Xulio Barreiro, explicou que a contía total ascende a 73.500 euros que ían destinarse a organizar a Festa do Mar e dá Ameixa, así como outras celebracións parroquiais. É preciso lembrar que as grandes festas do verán foron substituídas por actividades lúdicas para toda a familia que se manterán ata o mes de setembro.

Argumentou Barreiro que esta modificación de crédito é necesaria para que os fondos poidan empregarse en partidas diferentes. A metade desta cantidade serán para facer fronte aos custos das obras realizadas en Combarro en materia de soterramento de cableado e dotación de redes de pluviais. Ao que hai que engadir 22.000 euros empregados en melloras de estradas e camiños. 

Doutra banda, o goberno local achegará 6.600 euros ao Fondo de Emerxencia Social de axuda ás familias en risco de exclusión que estean a atravesar dificultades económicas. Así mesmo, outros 8.000 euros destinaranse á compra dun furgón para a Policía Local de Poio.