Poio perfila un plan para esterilizar os gatos que viven na rúa

Poio
07 de xuño 2021

O Concello colaborará coa asociación Bigotes Felinos para identificar os membros das colonias existentes en cada unha das parroquias, para capturalos,  esterilizarlos e soltalos novamente como medida de control de poboación e de enfermidades

Crías de gato abandonadas en Poio Policía Local de Poio

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, mantiveron hai uns días unha reunión con representantes do colectivo Bigotes Felinos, unha agrupación que, desde a súa creación hai preto dun ano, está a desenvolver un labor moi importante en todo o municipio no que ao coidado de gatos se refire. O obxectivo deste encontro serviu para que as integrantes da agrupación desen parte do traballo realizado desde o verán pasado, intre no que puxeron en marcha a asociación, e para establecer liñas de colaboración co Concello.

O goberno local amosou a súa predisposición a facer un labor conxunto e coordinado para conseguir que se vaian retirando os gatos da rúa “de xeito progresivo, seguro e controlado”.

Estudan a posibilidade de poñer en marcha no menor tempo posible un programa CES (Captura, Esterilización e Solta) nas colonias de gatos existentes nas parroquias do municipio. De feito, xa se actuou recentemente en Combarro e ao longo desta semana tamén se fará na Caeira, onde tamén se reforzarán os controis.

Ase mesmo, ambas entidades tratarán de concienciar á poboación de que os coidados e atenciónss que precisa un gato son os mesmos que un can e fan especial fincapé en que son "especialmente importantes cuestións como a esterilización, que axuda a impedir que continúe o aumento de animais abandonados nos espazos públicos".

"Realizan un labor moi importante, de xeito totalmente altruísta, que resulta vital para axudar a consolidar ese coidado e esa retirada progresiva dos gatos da rúa”, indica o alcalde.