Poio tamén ten a súa Costa Azul e conta con mozos voluntarios comprometidos ambientalmente

Poio
23 de xullo 2024

Ata final de mes novos de diferentes comunidades autónomas participan nun dos campos de voluntariado ofertados pola Xunta. Neste caso limpan a contorna mariña do municipio de Poio

Visita de Ángel Moldes e Tamara González ao campo de voluntariado Costa Azul

Costa Azul é a denominación dun dos seis campos de voluntariado que a Xunta ofrece estes meses estivais e que resultou de notable interese entre mozos de 18 e 30 anos que se inscribiron, esgotando as prazas dispoñibles para acudir a Poio.

Neste caso,  os voluntarios fan efectivo o seu compromiso co medio ambiente mediante a limpeza da contorna mariña en emprazamentos do municipio como Lourido, Combarro, a illa de Tambo, Chancelas ou a zona litoral da Seca.

Ata este emprazamento desprazábase o alcalde, Ángel Moldes e a concelleira de Xuventude, Tamara González, para agradecerlles o seu compromiso coa contorna natural e o seu labor ata final de xullo.

Neste tempo "intervirán para coidar, protexer e conservar o noso litoral e van contribuír a sensibilizar a outras persoas sobre a importancia do seu coidado".

En total son vinte persoas as que conforman este campo de voluntariado con mozos procedentes de Galicia, Castela-León, Estremadura, País Vasco, Cantabria, Navarra, Aragón e A Rioxa.

Para estes labores contan co apoio de drons, kaiaks ou táboas de SUP. A iniciativa tamén inclúe unha parte lúdica na que practican snorkel, paddel surf, tiro con arco, excursións, talleres, veladas temáticas e propostas culturais e de natureza.