O goberno local de Poio trasladou este mércores unha petición á Consellería de Infraestruturas para acometer unha mellora integral do tramo da PO-308 que transcorre por boa parte do casco urbano da parroquia de San Salvador.
Trátase dunha actuación que afectaría fundamentalmente ás avenidas da Barca, Andurique e Porteliña.
O Concello entende que nesta zona é preciso desenvolver obras que sirvan para construir novas beirarrúas, así como para renovar e instalar novos servizos.
No encontro participaron o alcalde, Luciano Sobral; o concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, e a edil de Participación Veciñal, Silvia Díaz. Eles foron os encargados de dar traslado desta demanda ao responsable da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.
Os membros do tripartito amosaron a súa satisfacción unha vez concluida a reunión, que se prolongou durante case tres horas, e agradeceron aos representantes da administración autonómica a súa predisposición á hora de que ambas partes analizasen a situación do vial.
Os dirixentes municipais adiantaron que o Concello está disposto a asumir unha porcentaxe do orzamento que sería necesario para impulsar esta obra, a través dun convenio de colaboración similar ao que a Xunta xa firmou noutros concellos para levar a cabo actuacións semellantes.
Ademais, durante a reunión tamén se falou do proxecto de mellora da PO-308 que se realizará entre Fontenla e Combarro, ao cal o Concello de Poio presentou unha serie de alegacións que o ente autonómico está disposto a analizar e a ter en consideración.