O Mercado de Abastos de Pontevedra viviu este mércores a esperada apertura da campaña do polbo e a nécora, un día antes, o martes 1 de xullo, cando se autorizaron as primeiras capturas.
Tras un período de prohibición de captura, que no caso do polbo durou tres meses (un mes en abril por parada temporal e dous meses en maio e xuño por veda), os comerciantes comezaron a ofrecer novamente o apreciado cefalópodo nos seus postos.
Á fronte de Pescados Cachadas, Santiago Pesqueira explica que a cantidade de polbo na lonxa non foi tan elevada como noutros anos, pero suficiente para responder á alta demanda deste produto. "Eu fun á Lonxa de Marín ás catro e cuarto da mañán e o polbo que comprei viña da Lonxa do Grove", afirma.
"Aínda que non é moito, é bastante. A xente xa tiña ganas de collelo, porque sempre hai interese cando se abre a veda, e xa antes pregunta porque o le na prensa", engade.
En canto aos prezos, aínda que nos últimos meses a alimentación experimentou unha suba, recoñece que "estou vendéndoo exactamente ao prezo co que o deixei en abril, entre 17 e 18 euros o quilo para os grandes, de máis de dous quilos, que son os que eu vendo".
Santiago Pesqueira tamén explica que en Galicia, mentres a especie local está en veda, trabállase con polbo de Portugal, "que é algo máis encollido que o noso", e Marrocos, este último só conxelado.
Coa apertura da veda, os clientes empezarán a optar polo polbo galego, que ten unha calidade excepcional.
A campaña do polbo coincide coa da nécora. "A apertura da nécora atrae moita máis xente aos mercados que a apertura do polbo. Por que? Porque ou polbo, como che dixen, máis ou menos co portugués seguían comendo polbo, e senon, tamén había conxelado. Sen embargo, hai unha diferenza grande entre a nécora de aquí e a nécora de fóra", apunta Pesqueira.
Este mércores 2 de xullo no Mercado de Abastos non atopamos nécora galega á venda, "porque o marisco metémonos máis con el na fin de semana, que é a venda forte", puntualiza o placeiro.
Astrid Iglesias, de Mariscos Mari, comenta que cando esta madrugada se desprazou á Lonxa de Vigo ás tres da mañá "había moito polbo, pero pouca nécora. Nada, dúas caixiñas de nécora a prezos desorbitados".
A escaseza deste crustáceo débese a que, como ela mesma sinala, "cando hai moito polbo, escasea a nécora, porque o polbo come á nécora, é un dito da xente do mar".
Con todo, confía en que de cara á fin de semana, "haberá quilos e quilos de nécora, de distintos tamaños e prezos". Mentres tanto, no seu posto de mariscos ofrece nécora procedente de Escocia, que tamén conserva un sabor delicioso.
No aspecto exterior, "a cor do noso marisco é sempre moi escura, con verdín. A nécora nosa é peluda, mentres que a nécora de fóra non é peluda, é máis apardazada".
No seu interior, a diferenza, aclara, é só para aqueles que son "moi, moi expertos á hora para comer". Refírese á "forma na que sae a carne na cabeza, que na nosa nécora adoita saír a carne enteira, e na escocesa sae por anacos".
Os prezos da nécora galega, de tamaño mediano, poden oscilar entre os 35 ou 40 euros, mentres que a nécora de fóra varía "entre os 20, 24 ou, como moito, 30 euros, se xa é un tamaño grande", indica.
Iglesias tamén alude a que, "cando abre a veda de calquera marisco, a demanda sobe moito". A campaña da nécora coincide co peche das capturas da centola, que non volverá os mercados até o mes de novembro.
Tras este inicio de vendas tranquilo, o Mercado de Abastos pontevedrés, no que os postos empezan a abrir ao redor das oito da mañá, prepárase para un venres e sábado de intensa actividade. O inicio da campaña do polbo e da nécora coincide co principio de mes e a chegada de turistas e pontevedreses retornados, o forte da clientela nos meses de verán.