O Concello de Ponte Caldelas programa para este sábado 8 de agosto un espectáculo de música acuática, tal e como denominan desde o municipio o xogo de luces e auga que se proxectará desde as fontes da Praza de España, acompañado de música.
O espectáculo comezará trala actuación de flamenco que terá lugar na Alameda, dentro do ciclo ‘Noites de Terraza’.
"A mellor fonte de Galicia volverá irradiar enerxía a veciños e visitantes cos seus chorros multicor que danzan ao son da música", comentan desde o Goberno local.
O acompañamento musical estará formado por pezas pertencentes á Marcha dos Toureiros, da ópera Carmen de Georges Bizet; a Marcha Imperial da banda sonora da película Star Wars; Carmina Burana de Carl Orff; Amor Bruxo de Manuel de Falla; e o vals Danubio Azul de Johann Strauss.
Esta iniciativa está inspirada nos espectáculos que se realizan arredor doutras fontes luminosas de referencia en cidades de todo o mundo. Segundo indican desde o Concello, a fonte de Ponte Caldelas é a que conta coa mellor dotación de toda Galicia "ao dispor da última tecnoloxía tanto en impulsión como en iluminación led embutida no propio chorro, así como en software de programación".
A fonte luminosa inaugurábase en marzo de 2019 pero, por mor da pandemia do coronavirus, houbo que interromper as actividades festivas ao redor deste elemento.