Ponte Sampaio empeza a formarse para ser un colexio ciberexperto

Pontevedra
08 de outubro 2018

Este curso académico o centro escolar solicitou formar parte do programa 'Ciberexpert@' da Policía Nacional e este luns tivo lugar a primeira das dez accións formativas que impartirán os delegados de Participación Cidadá da Comisaría Provincial de Pontevedra 

Charla do programa 'Ciberexperto' no colexio de Ponte Sampaio CEIP Ponte Sampaio

O colexio público de Ponte Sampaio empezou a dar os primeiros pasos para converterse en 'ciberexperto' ou, para ser máis concretos, para que o alumnado doi último curso do centro escolar sexa experto en ciberseguridade e internet

Este curso académico o centro escolar solicitou formar parte do programa 'Ciberexpert@' da Policía Nacional e este luns tivo lugar a primeira das dez accións formativas que impartirán os delegados de Participación Cidadá da Comisaría Provincial de Pontevedra. 

Este proxecto, desenvolvido no marco do Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e as súas contornas, sumará un total de dez sesións no centro educativo e desde o equipo directivo destacan que se sumaron á iniciativa porque buscan que os menores e a contorna educativa e familiar aprendan sobre ferramentas, aplicacións e outros recursos tecnolóxicos que lles axuden a propiciar unha navegación máis segura.

"Internet pode entrañar riscos para os menores se non están ben informados e neste aspecto profesores e todo o contorno familiar xogan un papel vital", destacan desde o centro.

O alumnado deste centro está incluído no Proxecto Edixgal da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria para a implantación do libro dixital nos centros educativos, de maneira que o seu contacto co ordenador e con internet é diario e se fai moi necesario que os rapaces teñan ferramentas para utilizalo de forma segura. 

O programa achega ao alumnado do centro coñecementos sobre ciberacoso, grooming, sexting, suplantación de identidade, comunidades perigosas, acceso a contido inapropiado, xestión da privacidade e identidade dixital ou mediación parental.   

Como resultado final da formación, o estudantado terá unha visión máis segura do uso responsable de internet, ademais de visualizar de maneira real os riscos e problemas que se poden encontrar na rede e mesmo facilitar as denuncias sobre situacións de risco nas que se poden encontrar os rapaces.  

Unha vez superadas as dez formacións e o o test final, o alumnado recibirá un carné de ciberexpertos, que está impreso na Fábrica de Moeda e Timbre e é imposible de falsificar. A maiores, o seu colexio quedará acreditado para o seu acceso á web de Ciberexpert@ da Policía, que contén todo o material e ferramentas necesarios para concienciar e sensibilizar aos alumnos no uso responsable da internet e detectar os riscos e problemas que poidan atopar.