Ponteandadas retoma as rutas este domingo coas prazas esgotadas

Pontevedra
07 de outubro 2021

Ademais da ruta deste domingo, Ponteandadas 2021 programa tres percorridos máis ata finais de novembro coas prazas abertas polo Monte da Fracha (24 de outubro), o Pontillón de Castro (7 de novembro) e o Parque Forestal da Tomba (21 de novembro)

Primeira xornada de Ponteandadas 2021 en Monte Porreiro Concello de Pontevedra

Despois do éxito de asistencia da ruta inaugural polas marxes do río Lérez o pasado 19 de setembro, o programa Ponteandadas 2021, impulsado pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde dentro do proxecto 'A Vida é Movernos', regresa esta fin de semana.

O domingo 10 de outubro está programada unha camiñada polo río dos Gafos que percorrerá a zona de Cabana, na parroquia de Salcedo. As 200 prazas para tomar parte no roteiro están xa esgotadas. Por iso desde o Concello de Pontevedra avanzan as seguintes citas: o 24 de outubro cun percorrido polos montes da Fracha, o 7 de novembro polo encoro do Pontillón do Castro en Verducido e o 21 de novembro polo parque forestal da Tomba.

A reserva de praza para as últimas tres rutas de Ponteandadas 2021 pódese facer no correo electrónico ponteandadas@gmail.com, no Whatsapp 625 482 636 ou na páxina de Facebook do club Naturgaliza Club Senderismo. Trátase das seguintes rutas:

Ruta 24 de outubro: Monte da Fracha. Aproveitarase para coñecer os cambios e melloras nesta contorna arrincando a camiñada na zona do miradoiro, onde se poderá asistir a unha vista excepcional dos municipios veciños e a Ría de Pontevedra.

Ruta 7 de novembro: Pontillón de Castro. O primeiro treito, que arrincará nas pistas de piragüismo, será ao redor do encoro para, a continuación, adentrarse no monte con varios quilómetros desfrutando da imaxe privilexiada da Ría. Os organizadores indican que esta será a ruta máis doada, xa que transcorre por pistas forestais sobre un terreo moi regular.

Ruta 21 de novembro: Parque Forestal da Tomba. Esta ruta, que parte do parque de San Pedro en Campañó (xunto ao Hotel Rural Campaniola) ofrece aos camiñantes a posibilidade de descubrir o recuperado bosque autóctono e os petroglifos. O monte de ribeira levaraos ata varios miradoiros para divisar a Ría e unha contorna ideal para pasar un día en familia que é descoñecida para moitos pontevedreses.