Pontevedra confía en alcanzar a 'débeda cero' antes de que remate o mandato

Pontevedra
07 de novembro 2019

Ata os oito millóns de euros, 7.955.000 euros concretamente, baixará a débeda do Concello de Pontevedra ao 31 de decembro de 2019. Será o seu nivel máis baixo desde mediados da década dos 80, segundo avanzou este xoves o edil de Facenda, Raimundo González

Raimundo González, edil de Facenda Paula Sanmartín

Ata os oito millóns de euros, 7.955.000 euros concretamente, baixará a débeda do Concello de Pontevedra ao 31 de decembro de 2019. Será o seu nivel máis baixo desde mediados da década dos 80, segundo avanzou este xoves o edil de Facenda, Raimundo González.

O goberno municipal destinará 4.263.000 euros, procedentes do superávit dos dous últimos exercicios e de diñeiro de adxudicacións á baixa, para reducir a débeda vida do Concello que, ata o momento, superaba os doce millóns.

O nivel de endebedamento municipal pasará a estar no 11,84% dos dereitos liquidados, unha débeda que González cualificou como "residual" para unha administración pública. 

Esta amortización de débeda permitirá cancelar tres préstamos, asinados polo Concello nos anos 2009, 2014 e 2016, e parcialmente outro de 2015, que son actualmente os que tiñan un interese máis alto -entre un 0.84% e un 1.52%-.

O obxectivo do goberno municipal é poder alcanzar a 'débeda cero' antes de que termine o mandato, sempre que se manteña a decisión de destinar a metade do superávit de cada exercicio a investimentos e a outra metade a amortizar débeda.

"Se seguimos  aplicando ese criterio é moi probable que cheguemos a esa débeda cero", explicou o concelleiro nacionalista.

ORZAMENTO DE 78 MILLÓNS

Raimundo González desvelou ademais que o orzamento municipal para 2020 ascenderá, segundo as primeiras estimacións, a un total de 78,2 millóns de euros.

As partidas máis cuantiosas volverán ser persoal (24,5 millóns) e gasto corrente (34,7 millóns), mentres que os investimentos crecerán ata os 13,1 millóns de euros, as transferencias a outras administracións serán de 5 millóns e as amortizacións e gastos financeiros supoñerán algo menos dun millón.