Pontevedra convértese no epicentro do sabor galego coa feira Etiqueta Negra

Pontevedra
08 de novembro 2025
Actualizado: 09 de novembro

Viños que contan historias, queixos con alma, conservas que saben a tradición e innovación culinaria que mira ao futuro, todo cabe nesta feira que demostra que o sabor de Galicia non ten competencia

Etiqueta Negra 2025

O Recinto Feiral de Pontevedra abriu este sábado as portas á novena edición de Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego por excelencia, cun aroma inconfundible a mar, campo e tradición. Durante tres días, o mellor da despensa galega vístese de gala nun evento que mestura sabor, innovación e orgullo pola terra.

A cita arrancou cun acto institucional que contou coa presenza de representantes das principais institucións e entidades patrocinadoras, que coincidiron en que Etiqueta Negra é xa un símbolo da calidade e do talento galego. Entre os asistentes, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a conselleira do Mar, Marta Villaverde; o director xeral de Gandaría e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez; o delegado comercial de Estrella Galicia, Miguel Ángel Vázquez Becerra; e o director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo Piñeiro, entre outras autoridades.

Na súa intervención, José Balseiros reivindicou o papel esencial dos produtores galegos, "a alma desta feira", e celebrou que Pontevedra "convértese estes días no corazón gastronómico de Galicia". Defendeu o valor das Denominacións de Orixe Protexidas (DOP) e Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) como selo de autenticidade e calidade. "En cada produto hai unha historia que contar, desde os viños e queixos ata as conservas e a carne de tenreira galega", dixo.

Balseiros tamén destacou a importancia da Artesanía Alimentaria galega, onde tradición e innovación se dan a man, lembrando que "a calidade non se improvisa: cóidase e mímase con agarimo".

O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, salientou a colaboración exemplar entre Xunta, Deputación e Concello, un "traballo conxunto ao servizo dun proxecto de enorme calidade". Para el, Etiqueta Negra é "xa a capital gastronómica de Galicia, e diría que de todo o noroeste", un espazo que medra ano a ano grazas ao esforzo dos organizadores, expositores e dun público cada vez máis fiel.

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, puxo o foco no potencial mariño de Galicia, "a despensa mariña de Europa". A súa Consellería participa por primeira vez cun espazo propio no que se dan cita oito empresas conserveiras e entidades como ANFACO-CECOPESCA, Pesca de Rías ou a DOP Mexillón de Galicia. Degustacións, showcookings e produtos premium —como a pescada de pincho ou as conservas artesás— completan un menú que promete conquistar todos os padales.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores pechou o acto reivindicando o carácter singular dunha cidade gourmet, salientando que "en Pontevedra as cousas non ocorren por casualidade. No noso ADN está poñer en valor o patrimonio, a lingua, o medio natural... e tamén o sector primario".

Para Lores, Etiqueta Negra é "o escaparate do gourmet galego" e un símbolo do traballo conxunto entre administracións.

Con máis de cen expositores, degustacións, presentacións e actividades abertas ao público, Etiqueta Negra reafírmase como unha cita imprescindible para descubrir os produtos máis selectos de Galicia. Viños que contan historias, queixos con alma, conservas que saben a tradición e innovación culinaria que mira ao futuro, todo cabe nesta feira que, ano tras ano, demostra que o sabor de Galicia non ten competencia.

Etiqueta Negra reúne máis de cen expositores e vinte novidades do sector gourmet galego: viños, licores, cervexas artesás, queixos, embutidos, conservas, doces, marmeladas, aceites, meles, patés, algas, salsas e outras moitas delicias seleccionadas pola súa orixinalidade e calidade.

O salón permanecerá aberto ata o luns 10 de novembro, en horario ininterrompido —de 11.00 a 21.00 h o sábado e domingo, e de 11.00 a 19.00 h o luns—, e contará cunha zona gastronómica e foodtrucks con propostas culinarias sobre rodas. A entrada custa 3 euros por día, ou 5 euros o abono para os tres días.