Preparan os menús de Nadal nos hospitais da área sanitaria

Pontevedra
19 de decembro 2023

Como é habitual nestas datas, os servizos de hostalería preparan pratos especiais tanto para o persoal de garda de Montecelo, Provincial e Hospital do Salnés como para os pacientes ingresados durante a Noiteboa, Nadal, Noitevella, Aninovo e o día de Reis

Galletas de Nadal Diliara Garifullina en Unsplash

Un ano máis, os servizos de hostalería traballan nestas datas na preparación dos pratos especiais para as festas do Nadal nos hospitais de Montecelo, Provincial e Hospital do Salnés.

Realízase un traballo de equipo destinado tanto ao persoal que traballa durante estas datas como para os pacientes ingresados durante a Noiteboa, o Nadal, Noitevella, Aninovo e o día de Reis.

A área sanitaria indica que, como é habitual, os equipos formados por técnicos en dietética e nutrición, gobernantas, pinches, cociñeiros e administrativos organizan o traballo para achegar coa alimentación un factor engadido para a recuperación dos pacientes ingresados.

Desenvólvense menús saudables, equilibrados e con baixo contido graxo, coas calidades idóneas para pacientes e profesionais e coas cantidades adecuadas para garantir a saúde.

O labor previo que se desenvolve nestas datas inclúe unha revisión detallada de cada alimento en canto a contido en hidratos, lípidos e proteínas. Establécense carnes e peixes baixos en graxas con inxestas suficientes de hortalizas, vexetais e froitas. Evítanse alimentos fritos e aténdese ás calorías para evitar os excesos.

En Montecelo e no Provincial, en Noiteboa ofrécese crema de marisco, lagostinos ao vapor ou bacallau con coliflor e variedade do Nadal de sobremesa.

O almorzo de Nadal será un croissant con café con leite e zume. E a comida desa xornada consistirá nunha crema de ave, salpicón de marisco ou jarrete estofado con pataca e verduritas. A sobremesa prevista é un tronco de nadal ou piña natural.

O Hospital do Salnés ofrecerá en Noiteboa dentro da dieta basal como primeiros pratos: salpicón de marisco ou sopa de galiña e de segundo, bacalo á galega con patacas ao vapor e coliflor ou escalopines ao porto con arroz branco e champiñóns, con delicias do Nadal de sobremesa.

En Nadal está previsto pastel de atún ou crema de cabaza con gambas salteadas e, de segundo, tenreira asada con patacas e guarnición de verduras ou, como alternativa, pescada á mariñeira con puré de pataca, ademais de torta de queixo.