Pontevedra vai camiño de sumar sete centros residencias para a terceira idade. Hai catro residencias xa en funcionamento (Campolongo, Soremay, Domus Vi e Saraiva), dúas novas en fase de construción na Eiriña (pola Fundación Amancio Ortega) e A Parda e agora unha sétima acaba de pedir licenza para a súa construción na zona de Tafisa.
O concelleiro de Urbanismo de Pontevedra, Xaquín Moreda, informou este xoves de que a empresa Thor Private Equity Spain, especializada no desenvolvemento integral de espazos sociosanitarios e hospitalarios, pediu licenza e xa nas últimas semanas aprobouse un estudo de detalle sobre o proxecto.
Este novo centro para persoas maiores ten como trazo diferencial que incluirá 24 apartamentos tutelados ao estilo das vivendas cohousing con capacidade para 48 usuarios, dous por apartamento.
En total, nesta nova residencia hai capacidade para 198 persoas, 48 nestes apartamentos tutelados e 150 en habitacións simples ou dobres. Son 24 cuartos dobres para 48 usuarios e 102 simples.
O departamento de Urbanismo aínda está a estudar o proxecto, que ten un orzamento de 7,4 millóns de euros (7.374.472,24, en concreto).
O novo centro construirase nunha parcela cunha superficie útil de 10.041 metros cadrados e terá unha superficie construída de 1.239,02 metros cadrados.
O estudo de detalle aprobado nas últimas semanas permitiu organizar a parcela na que se construirá este novo centro, pegado á nova promoción na que a firma Culmia prevé construír un edificio de 45 vivendas.
O solar, situado fronte á rúa Xosé Malvar, ten catro propietarios e, tras este estudo de detalle, realizouse unha organización para que esteticamente as novas construcións teñan a aparencia dun mesmo edificio.
Thor Private Equity Spain foi o maior desarrollador integral de espazos sociosanitarios e hospitalarios de España durante os anos 2019 e 2020, cun total de 21 proxectos en desenvolvemento que suman máis de 160.000 metros cadrados de construción.