A reforma urbana chega a Mollabao. O Concello de Pontevedra presentou hoxe un estudo para humanizar o primeiro tramo da PO-546, a estrada vella a Marín, entre a rotonda de Fernández Ladreda e a ponte do tren, á altura do aparcadoiro disuasorio, un proxecto que incluirá unha nova conexión coa avenida de Marín, en Beiramar.
O edil de Ordenación do Territorio, César Mosquera, explicou este mércores os detalles deste proxecto, valorado inicialmente en preto de 3 millóns de euros.
Este tramo da PO-546, duns 600 metros, adoptará a mesma solución que o resto da rúa Rosalía de Castro, desde a Audiencia de Pontevedra. Así, o viario pasará a contar cun único carril de saída da cidade, ampliaranse as beirarrúas, instalaranse medidas de acougado de tráfico e reordenaranse os aparcadoiros.
Para poder restrinxir a circulación, o Concello necesitaba facilitar unha nova conexión entre esta estrada e a avenida de Marín, para dar continuidade ao tráfico que chegaba desde Pontemuíños, Lourizán e Marín, buscando acceder ao centro da cidade.
Despois de barallar varias opcións, o goberno municipal decantouse pola creación dun novo viario que, partindo dunha rotonda de nova construción na PO-546, atravesará a parcela de Costas que se usa como aparcadoiro disuasorio -onde habitualmente se instalan os circos- e conectará coa avenida de Marín.
En principio sería unha rúa de dobre sentido, que substituirá ao camiño de terra que existe actualmente e que se atopa en moi mal estado, e permitiría "permeabilizar" a circulación nesta zona, segundo sinalou Mosquera.
Esta actuación incluirá, ademais, a reforma integral do actual aparcadoiro disuasorio, que sería rehabilitado e reordenado. Tamén se pretende incluír no proxecto o aproveitamento dos terreos situados baixo a ponte da autoestrada e a reforma da rúa Simón Bolivar, que dá acceso á Casa do Mar.
Este proxecto necesita da aprobación de Costas, que segundo o Concello xa o autorizou verbalmente, e da Xunta de Galicia que, como titular da PO-546, tería que transferir o primeiro tramo da estrada á administración municipal, algo para o que o goberno galego xa mostrou a súa disposición.