O Partido Socialista ven de denunciar publicamente a decisión do presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, de denegar a prórroga no servizo ao secretario xeral da institución, Carlos Cuadrado.
Segundo a formación, a resolución, asinada o pasado 8 de abril, responde a unha "represalia" polos informes nos que o secretario alertaba de "gravísimas irregularidades e vicios de nulidade" nos procesos selectivos de persoal da Deputación impulsados polo actual goberno provincial do Partido Popular.
"É o propio Luís López quen executa esta vinganza contra o alto funcionario que alerta destas ilegalidades", sinala o PSOE.
A portavoz do grupo provincial socialista, Ana Laura Iglesias, sostén que "a Deputación, na súa obsesión por enchufar e promocionar aos seus afíns non dubida en quebrantar os máis elementais principios de igualdade, mérito e capacidade no acceso ao emprego público".
De acordo coa versión socialista, Cuadrado que é un funcionario de habilitación nacional e con máis de catro décadas de traxectoria, obtivera sen incidencias prórrogas no seu servizo tras cumprir os 65 anos en 2024 e 2025.
O PSOE subliña ademais que non consta ningún expediente disciplinario no seu historial e que existe un acordo cos sindicatos para estender a actividade daqueles funcionarios que conten con informes médicos favorables, condición que, aseguran, si se aplicou recentemente a outros empregados públicos en situación similar.
A orixe do conflito, segundo o PSOE, radica na oposición do secretario a cambios nas bases de selección de persoal promovidos polo goberno provincial. Entre eles, a redución de contidos nos temarios de promoción interna e o aumento do número de prazas por esta vía, aspectos que, segundo os informes técnicos citados polos socialistas, poderían vulnerar límites legais.
Sempre segundo esta versión, Cuadrado tería advertido por escrito de posibles irregularidades e da perda de garantías nos procedementos. Estas advertencias non serían atendidas e, en cambio, derivarían en críticas cara á súa actuación por parte do executivo provincial.
O PSOE cuestiona a xustificación oficial da decisión, que vincula a non prórroga á necesidade de impulsar a administración electrónica.
Iglesias lembra que a Deputación de Pontevedra foi recoñecida en informes do Tribunal de Contas e do Consello de Contas de Galicia polo seu desenvolvemento neste ámbito, e atribúe parte dese avance ao propio secretario cesado.
Así mesmo, os socialistas sinalan que, ao comezo do mandato, o goberno provincial modificou a composición dos tribunais de oposición, eliminando a participación de funcionarios doutras administracións, o que reduciría as garantías de transparencia, segundo denuncian.
O secretario informou de que existe un temario mínimo regulado legalmente e tamén unha porcentaxe de prazas que poden convocarse por promoción interna.
Segundo detalla o Partido Socialista, nos seus informes e escritos dirixidos ao presidente da Deputación advirte o secretario de que se están utilizando "argucias" para vulnerar a lei.
Resposta do goberno provincial da Deputación
A Deputación de Pontevedra decidiu non prorrogar, por cuarta vez, as funcións do secretario provincial, Carlos Cuadrado, nunha resolución que o propio organismo cualifica de "lexítima" e "plenamente xustificada".
Segundo a institución, os motivos desta decisión responden a "razóns obxectivas" que xa serían comunicadas de xeito privado ao funcionario.
Fontes oficiais enmarcan esta medida no proceso de reforma organizativa actualmente en marcha dentro da Deputación, orientado a adaptar a súa estrutura ao novo contexto dixital.
Neste sentido, subliñan a necesidade urxente de incorporar e aplicar novas tecnoloxías no funcionamento xurídico-administrativo da entidade provincial.
Desde a administración provincial lémbrase, ademais, que a prolongación do servizo activo dun funcionario non constitúe unicamente un dereito individual, senón que debe entenderse como unha medida de carácter excepcional. Así, a súa concesión estaría condicionada á contribución efectiva ao interese xeral e ao correcto funcionamento da Administración.