O PSOE de Poio non descarta mobilizacións se o Centro de Saúde de Anafáns segue pechado polas tardes

Poio
22 de setembro 2025

Aseguran que este luns, 22 de setembro, o centro amenceu sen atención médica en horario de mañá, o que provocou longas colas de persoas esperando conseguir cita

Centro de Salud de Anafáns PSOE de Poio

O PSdeG-PSOE de Poio alzou a voz ante o que considera unha situación "crítica" na atención primaria do municipio. Denuncian que conseguir unha cita médica ordinaria pode tardar até dous meses e que se están a anular consultas xa programadas polo peche de axendas.

Unha das maiores preocupacións está no Centro de Saúde de Anafáns, que permanece pechado polas tardes por falta de persoal médico. Os socialistas alertan de que non se están cubrindo nin baixas nin vacacións, o que está a deixar a moitos veciños sen atención.

Aseguran que este luns, 22 de setembro, o centro amenceu sen atención médica en horario de mañá, o que provocou longas colas de persoas esperando conseguir cita.

"A veciñanza queda sen médico cando o precisa", lamenta Gregorio Agís, portavoz local do PSdeG, quen esixe ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) que tome medidas urxentes: abrir axendas, ofrecer contratos estables para cubrir prazas vacantes e garantir que o centro permaneza aberto tamén polas tardes.

Desde o PSOE de Poio aseguran que os profesionais sanitarios están desbordados, soportando cargas de traballo que dificultan unha atención digna. "Os socialistas somos conscientes de que a degradación da atención primaria é unha estratexia do Partido Popular que busca que a cidadanía se decante pola sanidade privada", sinala Agís.

Tamén critican que, mentres noutros municipios os responsables políticos esixen melloras, en Poio o alcalde "garda silencio". "No caso de Poio, o alcalde mantense calado ao servizo da Xunta de Galicia e atado de mans. A Xunta non actúa nin achega solucións", subliñan desde o grupo municipal.

Ante esta situación, o PSdeG-PSOE de Poio pide ao rexedor que deixe de "porse de perfil" e esixa á Xunta de Galicia reforzos médicos urxentes e un plan de continxencia que permita ampliar horarios e reducir os tempos de espera. E si non hai resposta, anuncian mobilizacións para esixir unha atención sanitaria "decente".

Por último, lembran que Poio segue esperando polo novo centro de saúde comprometido no mandato anterior. Os terreos xa están cedidos e adaptados aos requisitos do Sergas, recordan, pero "non vemos ningún avance e o Concello non move ficha para garantir os accesos. E, se non lle gusta a solución prevista, como manifesta continuamente, que achegue a súa alternativa, se a ten", conclúen.