'Puta, porca, burra', a violencia machista nunca empeza por unha paliza

Pontevedra
18 de novembro 2014

Dende o luns 24 ata o domingo 30 van realizarse diferentes actos con motivo do Día Internacional da non violencia contra as mulleres, o 25 de novembro, e xa está en marcha unha campaña de expresións que se empregan contra as mulleres  

Presentación da campaña contra a violencia machista
Presentación da campaña contra a violencia machista / Mónica Patxot

A concelleira Carmen Fouces descubría na mañá deste martes 18 un cartel de denuncia sobre a violencia machista na Avenida de Raíña Vitoria acompañada pola concelleira non adscrita María Biempica e por homes e mulleres relacionados co Centro de Información á Muller.

O cartel forma parte da campaña promovida pola concellaría de Benestar Social coa intención de chamar a atención sobre os actos previos á violencia física. A proposta considera frases insultantes que son empregadas polos homes cara ás mulleres: " Ti cala que disto non sabes, burra"; "Vas vestida como unha puta" ou "Mira como tes a casa, porca,". Carmen Fouces indicou que "ten que ver cos preámbulos ao asasinato pola violencia verbal e psicolóxica que sufrimos todas as mulleres no ámbito privado e público".

A concelleira indica que a situación se está a recruar con 6 mulleres falecidas como vítimas da violencia de xénero durante este ano en Galicia. Fixo un chamamento ás persoas que rodean as mulleres que están a pasar unha situación de violencia coa intención de que colaboren con elas e illen o agresor, denunciando os casos en que se produza unha escena violenta.

A partir do luns 24 iniciaranse varios actos cun acto no Teatro Principal ás 20.30 horas e a presentación da Asociación de Mulleres. O martes 25 está convocada unha concentración contra a violencia na Praza 8 de marzo ás 12.00 horas a cargo da CIG e outra a partir das 20.00 horas convocada polo Consello da Muller.

O mércores 26, ás 19.00 horas, na Casa dás Campás entregaranse os premios 'Ernestina Otero' e o xoves 27, ao mediodía, presentarase o programa de intervención en centros educativos 'Namorando' no Paraninfo do IES Sánchez Cantón. Xa o domingo 30 pecharanse os actos coa presentación da obra de teatro 'Ramón, Ramón' a cargo de integrantes do Centro de Información da Muller baseándose na historia dunha usuaria deste servizo.