Queda inaugurado o AVE a Galicia, que permitirá chegar de Madrid a Pontevedra en catro horas

Pontevedra
20 de decembro 2021

Este martes 21 de decembro chegarán e sairán de Pontevedra os primeiros viaxeiros en usar a novo AVE Madrid-Galicia. Sairán de Pontevedra ás 6.06 horas da mañá con rumbo á capital de España e chegarán desde alí ás 10.42 horas á cidade do Lérez. Este luns celebrouse a viaxe inaugural, que presidiu o rei Felipe VI

Viaxe inaugural do AVE a Ourense Xunta de Galicia

Este martes 21 de decembro chegarán e sairán de Pontevedra os primeiros viaxeiros en usar a novo AVE Madrid-Galicia. Sairán de Pontevedra ás 6.06 horas da mañá con rumbo á capital de España e chegarán desde alí ás 10.42 horas á cidade do Lérez. 

Horas antes, a nova conexión por AVE quedou inaugurada este luns cunha viaxe inaugural que presidiu o rei Felipe VI, e no que participaron o presidente do Goberno, Pedro Sánchez; a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz; a titular de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, Raquel Sánchez; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; e os dous ministros de Fomento galegos, Ana Pastor e José Blanco. 

O AVE chega por fin a Galicia tras 16 anos en obras, 20 de promesas políticas e un investimento de máis de 9.000 millóns de euros. 

É este un momento histórico, pero non supón a chegada definitiva da alta velocidade a Galicia, senón que tan só se pode considerar 100% AVE o tren a Ourense, o resto teñen velocidades inferiores. 

De momento, o maior recorte nos tempos de viaxe entre Galicia e Madrid producirase no tronco da liña e, por iso, desde Ourense verase reducido en 1 hora e 28 minutos, pero esa mellora repercutirá, por acumulación nos trens que chegan ao resto de Galicia. A Pontevedra e a Vigo recortaranse 54 minutos mentres que os de Santiago tardará 1 hora e 4 minutos menos; os da Coruña, 1 hora e 3 minutos; e os trens a Lugo acurtarán en 57 minutos a duración a súa viaxe.

Con estes recortes, o tren a Pontevedra tardará unha media de catro horas, aínda que unha consulta aos horarios da web de Renfe matizan esta duración, achegada oficialmente polo ministerio de Transportes. 

Segundo puido comprobar PontevedraViva, o que Transportes considera o primeiro tren de Pontevedra a Madrid, que sae ás 6.06 da cidade, tardará 4 horas e 14 minutos. O tren das 9.36 tardará 4 horas e seis minutos. O das 13.36 tardará esas catro horas xustas e o das 17.24 terá unha duración de 4 horas e 28 minutos. 

En canto ao traxecto contrario, de Madrid a Pontevedra, Transportes informou hai un mes que habería habería trens que chegarían ás 10.44, as 15.22, as 19.56 e as 23.31, aínda que na web de Renfe hai pequenas variacións.

Así, o primeiro sairá de Madrid ás 6.20 e tardará 4 horas e 22 minutos, chegando ás 10.42. O segundo sae a as11.20 horas, tarda catro horas exactas e chega ás 15.20. O terceiro é o máis rápido, sae ás 16.00 horas e chega ás 19.54, un traxecto de 3 horas e 54 minutos. O cuarto sae ás 19.15, chega ás 23.29 e tarda 4 horas e 14 minutos.

CONEXIÓN EN AUTOBÚS

Con motivo da nova conexión en AVE ata Ourense, a Xunta de Galicia adapta a partir deste martes os horarios dos autobuses que conectan Lugo, Pontevedra e Vigo coa cidade das Burgas para facilitar aos pasaxeiros os enlaces cos novos horarios dos trens con Madrid a través dunha "intermodalidade áxil entre o autobús e o tren". 

Os pasaxeiros de Pontevedra disporán os días laborables de 5 autobuses adaptados ás novas horas de paso dos servizos ferroviarios pola estación de Ourense, 2 os sábados e 2 os domingos. Para garantir unha conexión áxil cos trens, a Xunta axustou os horarios de 3 servizos interurbanos os días laborables e 2 os domingos.

INAUGURACIÓN 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, celebrou este luns a chegada dun momento histórico tras alcanzar unha meta longamente esperada e tamén intensamente demandada. "Para os galegos é un antes e un despois. Supón competir en termos de igualdade co Mediterráneo, o Sur e, en definitiva, coa maior parte de España", expresou.

Feijóo lembrou que, a pesar do atraso acumulado polas obras e mentres operaba noutras zonas de España, Galicia está decidida a aprender das experiencias doutros territorios, dos seus erros e acertos, para obter do AVE toda a rendibilidade que traerá á Comunidade.

O presidente tamén aproveitou para reclamar que é imprescindible que se cumpran os tempos de conexión de pouco máis de tres horas entre Madrid e todas as cidades galegas, atendendo á propia planificación ferroviaria aprobada e comprometida polos distintos Gobernos de España para poñer en valor o multimillonario investimento do AVE do Noroeste.

Este luns, coincidindo coa inauguración, a líder do BNG, Ana Pontón, lembrou a necesidade de que Galicia conte con "un tren de proximidade" entre as cidades galegas. A pesar de que recoñece sáldase así " unha  débeda  do Estado co país", a nacionalista insistiu en que "ou AVE  chega a Galicia, pero  chega a Ourense" mentres a rede ferroviaria do interior, a excepción do Eixo Atlántico, "está a desmantelarse".

Tamén este luns irromperon na inauguración as vítimas do accidente do tren Alvia que en xullo de 2013 descarrilou en  Angrois con 80 mortos e 144 feridos. Un integrante a plataforma de afectados, Arturo Domínguez, achegouse na estación de  Chamartín, en Madrid, ás autoridades e, en presenza do Rey, entregou unha carta reivindicativa ao presidente do Goberno.