RADIO.- Comeza unha semana para gozar dos 'Mestizaxes' da Pontevedra Capital Gastro

Pontevedra
01 de novembro 2021

Pontevedra Capital  Gastro, baixo o paraugas da Concellería de Promoción Económica e Turismo, inicia este martes 2 de novembro unha nova proposta gastronómica que visibilizará a cociña internacional que ofrece a hostalería da cidade: Mestizaxes. Organizadores e colaboradores falan dela en PontevedraViva Radio

Organización e participantes de Mestizaxes en PontevedraViva Radio
Organización e participantes de Mestizaxes en PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

Pontevedra Capital Castro, baixo o paraugas da Concellería de Promoción Económica e Turismo, inicia este martes 2 de novembro unha nova proposta gastronómica que visibilizará a cociña internacional que ofrece a hostalería da cidade: Mestizaxes. Vertébrase dunha parte cos 'Encontros mestizos' que se desenvolverán na Casa das Campás ata o xoves 4 e desde esa mesma xornada poderase visitar ata o domingo 7 o primeiro festival gastronómico 'As cociñas de ida e volta' na carpa instalada na Praza de España para degustar tapas doces e salgadas.

Para coñecer os obxectivos e propostas que expón Mestizaxes participan en PontevedraViva Radio, a concelleira desta área, Yoya Blanco; o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto; e os cociñeiros e empresarios Francesco Iannelli e Rubén González de Il Piccolo e O Cafetín. A esta colaboración de administración local, entidade académica e sector hostaleiro hai que sumar tamén ao CIFP Carlos Oroza.

Durante a charla, ponse de manifesto a diversa oferta gastronómica internacional que existe en Pontevedra, con cociñas internacionais de máis dunha decena de países; á que se sumará neste caso un "invitado especial e que será a nosa veciña Portugal", sinala a concelleira socialista.

De igual forma, inciden na profesionalidade e innovación que actualmente ofrece a hostalería local e a visibilidade que supoñen ocasións como estes 'Mestizaxes'. "Imos polo bo camiño" sinalan, engadindo que "nos faltaba crérnolo". Para seguir incentivando a actividade económica e a promoción do turismo, o outono seguirá ofrecendo máis propostas gastronómicas como Pontedetapas e Etiqueta Negra.