RADIO.- Toño Lafuente 37 - Balonmán 19

Pontevedra
06 de maio 2017

Perde o balonmán, é evidente. Toño Lafuente, o porteiro do Club Cisne di que se retira. Quere gozar de algo que nin se compra nin se vende. De tempo. En PontevedraViva Radio usurpámoslle un anaco, esperamos que o teña gozado. Afouteza, moita afouteza para esta Playlist.

Toño Lafuente coa súa filla PontevedraViva

Está a piques de xogar o que "non será o seu último partido" no Club Cisne. Hai máis dunha aposta a que, malia que tras este vindeiro encontro vai retirarse do balonmán, será un ata logo e non un adeus. Alcanzada a maioría de idade no equipo local, engade ao seu currículo outra tempada no Chapela. E chega o momento de deixar de dar as costas á rede e abrir os brazos para gozar máis tempo do tempo, da súa familia e doutras afeccións.

Pontevedrés, mestura de Lérez e Xeve. A profesión do seu pai fixo que nacera e vivira ata os seis anos en Vitoria, recordos borrosos entre os que conserva un xigantesco tobogán que visto anos despois, non resultou ser tan enorme. Neno rebelde e inquedo, conta, que naquela infancia un médico díxolle que aquel problema que tiña no xeonllo, impediríalle realizar calquera actividade deportiva.

En plena adolescencia entrou no balonmán e na electrónica industrial, a súa outra profesión. Con 21 anos era un rapaz con emprego e soldo, o único do seu grupo de amigos. Con 24 coñeceu a Montse, unha maragata que estudaba en Pontevedra e coa que casou. Uns anos despois chegou a outra "nena dos seus ollos", Antía, que se debeu de quedar con ganas de contarnos algo para esta Playlist de PontevedraViva Radio.

Descubrimos que as dúas rodas están entre as súas afeccións. A primeira moto que tivo foi unha Derbi Variant, con dezaseis anos, agora ten unha Fonda Cbr 600 f. A mesma que lle levou ata o Circuíto de Assen en Holanda. As outras dúas rodas, sen motor, servíronlle non fai moito de espoleta de recuperación e superación dunha lesión.

Tempo. Un tesouro que agora Toño Lafuente quere espremer. E nun futuro... saberase quen gañou a aposta.