RADIO.- Vas ao volante, precédeche un ciclista e hai liña contínua: adiantas?

Pontevedra
13 de xaneiro 2017

Este titular é unha situación cotiá; pode ocorrerche como condutor, ou como ciclista. E fáltanos outra parte, a do peón. A resposta pódela escoitar neste Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio. Esta semana acompáñannos tres directivos de Pedaladas. Con eles charlamos de convivencia, educación e normativa viaria; de solicitudes, carencias e propostas para peóns, ciclistas e condutores.

Conversas na Ferrería en PontevedraViva Radio con membros de Pedaladas Mónica Patxot

"Cero violencia viaria" esa é a campaña que desenvolve durante todo este mes de xaneiro o colectivo Pedaladas de Pontevedra. Con tal motivo, convidámolos ás Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio.

O obxectivo é que non haxa ningunha vítima en accidentes: nin condutores, nin ciclistas,nin peóns. Para iso, fundamental en calquera caso, coñecer e respectar a normativa vixente. Son varias as iniciativas que ao longo deste mes teñen previstas.

Ademais puxemos a atención en Pontevedra: nas actuacións que para acougar o tráfico se implantaron, nas facilidades ou dificultades que teñen os ciclistas para circular, na accesibilidade de peóns -con mobilidade reducida inclusive-, nas propostas que este colectivo trasladou ao Concello e tamén ao Goberno central para a súa posible aplicación, etc...

Porque a seguridade viaria non só é cuestión de condutores (de vehículos de dous ou catro rodas) e de peóns, tamén as administracións teñen unha función e actuación fundamental, e delas tamén falamos nestas Conversas na Ferrería con Marta Samartín, Manolo Torres e Quique Pérez.