Raíña Vitoria volverá ser un dos epicentros do Nadal pontevedrés cunha pista de karts

Pontevedra
03 de decembro 2021

O Nadal xa case está en Pontevedra. Este venres será a inauguración oficial desta data festiva co acendido do alumeado e, horas antes, deuse a coñecer a programación de actividades durante as vindeiras semanas coincidindo coa estrea da decoración do mercado de abastos

Polbo da decoración de Nadal 2021 no mercado de abastos
Polbo da decoración de Nadal 2021 no mercado de abastos / Mónica Patxot

O Nadal xa case está en Pontevedra. Este venres será a inauguración oficial desta data festiva co acendido do alumeado e, horas antes, deuse a coñecer a programación de actividades durante as vindeiras semanas coincidindo coa estrea da decoración do mercado de abastos.

A avenida Raíña Vitoria, que leva dende o verán de 2020 peonalizada, volverá ser un dos epicentros das festas. No Nadal pasado acolleu unha tirolina e este 2021 será a quenda dunha pista de karts.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, presentou a programación e sinalou que os cidadáns que se acheguen a Raíña Vitoria entre o venres 17 de decembro e o domingo 9 de xaneiro poderán atoparse cunha enorme carpa e unha pista de karts de Ponte Xogos e talleres de cultura e deportes urbanos impartidos pola Urban Culture Factory.

Tamén haberá unha variada oferta de xogos, inchables, exhibicións e obradoiros de cociña creativa, maquillaxe de fantasía, estampado de bolsas, chapas de Nadal, ciencia divertida, globoflexia, manualidades, decoración, contos de Nadal, debuxo, zumba, bailes de Tik Tok, paracaídas, relevos, collage ou tatuaxes e  de elaboración de cartas para Pai Natal e os Reis Magos.

As actividades de PonteXogos en Raíña Vitoria darán comezo o 17 de decembro pola tarde e o resto de días serán en horario de 11:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, con excepción do 20 e o 21 de decembro (días nos que o recinto permanecerá pechado pola mañá), o 25 de decembro e 1 de xaneiro (nos que non se celebrarán actividades) e o 5 e 6 de xaneiro (non funcionarán en horario de tarde e de mañá, respectivamente).

No que atinxe aos talleres de cultura e deportes urbanos, terán lugar en Raíña Vitoria e nas instalacións da Urban Culture Factory entre os días 18 de decembro e 9 de xaneiro (con excepción do 25 de decembro, o 1 de xaneiro e as mañás dos días 17, 20 e 21 de decembro) e centraranse en disciplinas en auxe como o skateboarding, o surfskate, o baile urbano e o sup ioga. Especialmente pensadas para rapaces de entre 5 e 16 anos.

As actividades de lecer infantil chegarán tamén ás Galerías Oliva, os barrios de A Parda, Campolongo e Monte Porreiro e as parroquias de Ponte Sampaio, Verducido, Lérez, Cerponzóns e Santo André de Xeve.

O programa tamén inclúe pasarrúas por diversas zonas da cidade protagonizados por Papá Noel co seu trineo, Faunos de Xeo, Christmas Cars, Christmas Trees e outros seres extraordinarios da compañía de performances de Pablo Mèndez.

Ademais, todos os que merquen no comercio local poderán usar o Tren do Nadal que xa está en funcionamento desde este venres e a pista de karts, así como tomar churros de balde, ensinando os correspondentes tíckets de compra.

O Nadal nas Galerías celebrarase os días 22, 23, 24, 27, 28 e 29 de decembro en horario de 17:00 a 19:00 horas, con tres obradoiros diarios destinados a nenos e nenas a partir de 3 anos e actividades específicas do Pai Natal (22, 23 e 24 de decembro), cun máximo de 10 rapaces.

A iniciativa Os Barrios do Nadal terá lugar o 30 de decembro na Parda, o 3 de xaneiro en Monte Porreiro e 4 de xaneiro en Campolongo, en horario de 16:00 a 20:00 horas, contando cada día con seis talleres para nenos a partir de tres anos máis as actividades específicas do Pai Natal ou dalgunha personaxe máxica do Nadal.

Ademais, os días 21, 22 e 23 de decembro Santa estará na avenida Raíña Vitoria nada máis chegar de Laponia e acompañado de dous elfos e un fotógrafo para coñecer á rapazada. Será o 21 entre as 16:00 e as 21:00 horas e o 22 e o 23 de 11:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas.