Receo a mollar o churro en Pontevedra

Pontevedra
12 de decembro 2015

A sospeita instalouse no sector hostaleiro desde que se fixo pública este xoves a bautizada como Operación Churro, na que axentes da Garda Civil e inspectores da Consellería de Sanidade localizaron e clausuraron en Campolongo un obradoiro de churros clandestino que presentaba "graves deficiencias hixiénico-sanitarias"

"Operación Churro" Guardia Civil

Moitos dos que habitualmente almorzan nos bares e cafeterías da cidade do Lérez declinaron este venres acompañar o seu café con leite cos tradicionais churriños.

A sospeita instalouse no sector hostaleiro desde que se fixo pública este xoves a bautizada como Operación Churro, na que axentes da Garda Civil e inspectores da Consellería de Sanidade localizaron e clausuraron en Campolongo un obradoiro de churros clandestino que presentaba "graves deficiencias hixiénico-sanitarias".

Numerosos cidadáns esixiron que se dean a coñecer os nomes dos establecementos de hostalería da cidade nos que se consumían os churros que este obradoiro clandestino elaboraba entre raticidas e feces de roedores.

Ante a falta de información neste sentido, calquera churro é agora visto con suspicacia, e aínda que poidan pagar xustos por pecadores, os clientes piden agora explicacións aos seus hostaleiros pola orixe do churro.

En parte este receo parece xustificado polo gran número de establecementos que segundo o Seprona compraban estes churros clandestinos, máis dunha quincena e algún hotel.

Desde o mugriento obradoiro de Campolongo, no que nunca houbo o máis mínimo control sanitario nin, obviamente fiscal, repartíase o produto a domicilio, segundo informaron fontes da investigación.