Reclaman á Xunta que condicione a venda de Factoría Naval de Marín

Marín
05 de novembro 2014

Os representantes sindicais sinalan que hai tres empresas interesadas na adquisición da entidade e pídenlle á Xunta que estableza garantías para que se manteñan os postos de traballo despois dos 17 millóns de euros investidos no anterior concurso de acreedores

Traballadores e representantes sindicais de Factoría Naval
Traballadores e representantes sindicais de Factoría Naval / Mónica Patxot
García Pedrosa alerta da necesidade de manter os 21 postos de traballo na venda de Factoría Naval /

A empresa de Marín, Factoría Naval, encóntrase nun segundo concurso de acredores que entrou en vigor no mes de xullo e cunha carga de traballo insuficiente e unha débeda por enriba dos 44 millóns de euros, segundo José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de Comisións Obreiras. Ademais acábase de iniciar un novo ERE de suspensión temporal de contratos por seis meses a partir do 1 de novembro.

Ante esta situación iniciouse o proceso de venda de Factoría Naval para o que existen tres ofertas non vinculantes das que, polo momento, non transcendeu o nome das empresas que están interesadas na compra, que tería que formalizarse o 14 de decembro, seguindo os pasos establecidos polo adminitrador concursal.

Non obstante, os representantes sindicais José Luis García Pedrosa e Lourdes Diz, de CC.OO. e UGT, mostraron a súa preocupación pola situación na que quedan os 21 empregados que se encontran traballando na empresa ante unha futura compra. Reclaman que se manteñan todos os postos de traballo baixo o convenio do metal, tal e como se encontran na actualidade. Recordaron ademais que no ERE extintivo se suprimiron 42 postos de traballo do plantel de Factoría Naval.

Por este motivo, piden tanto ao administrador concursal, aos actuais propietarios da empresa e tamén á Xunta que intenten garantir o futuro dos traballadores. Neste sentido, García Pedrosa recordou que a administración autonómica investiu 17 millóns de euros no anterior concurso de acredores para intentar garantir o futuro da entidade.

Os representantes sindicais manterán unha reunión co director do IGAPE o próximo 12 de novembro e intentarán lograr unha entrevista co Conselleiro de Industria para que se manteñan alerta nesta operación de venda. Está previsto que a partir do día 19 deste mes se coñezan, a través do administrador concursal, as ofertas vinculantes presentadas.