Regresa a campaña 'Yes we can' para loitar contra o "grave problema" do abandono de cans e gatos

Pontevedra
10 de abril 2014

A primeira das actividades da campaña prolóngase dende esta semana ata o 15 de maio e consistirá en promover o microchipado dos animais a través de convenios con determinadas empresas. Todos os donos de cans poderán poñer un chip ás súas mascotas a un prezo de 25 euros

Presentación da campaña 'Yes we can' 2014 PontevedraViva

'Yes we can', a campaña de sensibilización animal deseñada polo Concello de Pontevedra en 2013, reactívase este ano cunha nova edición na que se formula como batalla "intentar reducir o número de abandonos e aumentar o número de adopcións".

O concelleiro de Sanidade Animal, Miguel Filgueira, presentouna este xoves en compañía de representantes das asociacións Os Palleiros, Difusión Felina e Adopciones Galicia e referiuse ao "grave problema" que existe na cidade en relación co abandono de cans e gatos.

Segundo explicou, tense constancia de que o ano pasado houbo máis de 350 abandonos de animais en Pontevedra. O problema é "máis grave" no caso dos felinos porque "é máis fácil abandonar un gato que abandonar un can".

A primeira das actividades da campaña prolóngase dende esta semana ata o 15 de maio e consistirá en promover o microchipado dos animais a través de convenios con determinadas empresas. Todos os donos de cans poderán poñer un chip ás súas mascotas a un prezo de 25 euros.

O adestramento animal tamén ten espazo nesta campaña e organizarase unha xornada de formación na que un profesional na materia dará unha clase teórica un sábado pola mañá (aínda por definir) e pola tarde haberá clases prácticas en grupos reducidos.

O 7 de xuño celebrarase o Día da Adopción co obxectivo de sensibilizar á cidadanía para que "antes de comprar un can, hai moitos en refuxios e en casas de acollida".

Como novidade nesta edición, organizaranse rutas guiadas por espazos naturais que incluirán un paseo pola natureza e nocións prácticas sobre como pasear un can. Haberá tres xornadas de ruta durante o mes de xuño.

No marco de 'Yes we can' xa se iniciou unha nova campaña de castración e esterilización de gatos que, como aconteceu o ano pasado, se fai por colonias e se marca como obxectivo chegar a un total de 100 felinos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora