Reiteran a denuncia de agresións de menores a educadores do Príncipe Felipe

Pontevedra
11 de abril 2017

O secretario comarcal de Comisiones Obreras, José Ramón Piñeiro, denuncia que moitos dos menores que chegan a través da Xunta de Galicia á cidade infantil son conflitivos e provocan danos graves no mobiliario do centro, ademais de atacar a alumnado e educadores

José Ramón Piñeiro, secretario comarcal de CC.OO., durante a rolda de prensa
José Ramón Piñeiro, secretario comarcal de CC.OO., durante a rolda de prensa / Mónica Patxot
Denuncian agresións por parte de menores conflitivos a educadores do Príncipe Felipe /

Na cidade infantil do Príncipe Felipe distribúense 196 prazas para nenos en situacións desfavorables, un centenar delas son cubertas pola Xunta de Galicia a través dun convenio asinado coa Deputación de Pontevedra.

Comisións Obreiras volveu a denunciar que desde a Consellería de Política Social, desatendendo os informes da comisión de técnicos do Príncipe Felipe, están a derivarse ao centro pontevedrés menores conflitivos ou con transtornos psicolóxicos ou psiquiátricos, que deberían estar destinados a espazos como o Avelino Montero, onde se acollen a mozos con problemas de consumo de sustancias estupefacientes, implicados en agresións sexuais ou noutros delitos de similar magnitude. 

José Ramón Piñeiro, secretario comarcal de CC.OO., afirma que se presentaron denuncias, a última hai 15 días, por parte dalgúns dos educadores do centro tras padecer agresións dos menores nestes módulos do Príncipe Felipe. Sinala que un educador sufriu rotura de costelas, a outro lle partiron o brazo e unha muller embarazada tivo que solicitar a baixa ante a situación de tensión que se vive no centro. Ademais, asegura que se rexistraron desfeitas considerables no material, sobre todo en portas e xanelas polos actos violentos que protagonizan estes mozos. 

Piñeiro non puido cuantificar o número de denuncias presentadas por estes incidentes nin puido ofrecer datos sobre o diñeiro que supón a reparación do mobiliario danado. En todo caso afirma que hai que buscar unha solución para esta situación preocupante.

Por este motivo, desde o sindicato anuncian que solicitarán unha entrevista coa presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, para buscar unha solución; co delegado da Xunta Cores Tourís para que medie un encontro co conselleiro de Política Social, Rey Varela e co fiscal de menores de Pontevedra.

Entenden que a solución pasa porque a Consellería considere vinculante o informe técnico que rexeite a admisión de determinados menores por ter un perfil conflitivo; por crear unha unidade para albergar a este tipo de nenos que ofreza cobertura alternativa aos centros de menores, que en Galicia atópanse saturados e, por último, que se forme ao persoal educativo do centro Príncipe Felipe para facer fronte a estas situacións.

A consellería de Política Social achega 130.000 euros dun orzamento total para a cidade infantil que ascende a 10 millóns de euros. Por outra banda, Piñeiro anunciou que o mércores da próxima semana manterán un encontro os membros da xunta de persoal e comité de empresa para abordar este tema.