Rescatan sete cachorros abandonados en dous contedores

Pontevedra
15 de xaneiro 2022

O persoal do Centro de Acollida e Protección de Animais da Deputación de Pontevedra rescatou a dúas camadas de oito cachorros que se encontraban en dous contedores de Lalín e Pontecesures. Un deles faleceu ao chegar ao centro, pero os outros sete estanse a recuperar

Camadas rescatadas en Lalín e Pontecesures Deputación de Pontevedra

O persoal do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra rescatou a dúas camadas de oito cachorros que se encontraban en dous contedores de Lalín e Pontecesures. Un deles faleceu ao chegar ao centro, pero os outros sete estanse a recuperar.

En Lalín apareceron nunha caixa o día 1 de xaneiro, na Rúa Principal. Eran dúas femias, Alicia e Ana, e dous machos, Leo e León, quen faleceu polo delicado estado de saúde en que se atopaba.

Días despois, o 12 de xaneiro, o persoal do centro rescatou a outra camada, esta vez nun contedor na Rúa Víctor García de Pontecesures. Trátase dunha femia, Sala, e tres machos, Yogui, Cibrán e Xenaro.

O aviso deuno unha muller que viu como paraba un coche preto do lugar e, tras escoitar un ruído, acercouse e viu os cans. Estaban tamén nunha caixa. Os cachorros, que teñen días, "están de momento en boas condicións e están sendo atendidos nas mesmas dependencias de maternidade", informan desde o CAAN.

En caso de seguir a evolución favorable, os cachorros pasarán no centro ao menos tres meses ata completar as pautas de vacinación antes de saír en adopción.

Desde o centro lembran que as adopcións son gratuítas e o persoal asesora ás persoas sobre o can ou cadela que pode adaptarse mellor ás súas necesidades. Para visitar o centro ou para formalizar as adopcións hai que solicitar cita previa no teléfono 986 140 360 ou no 886 217 391.

Estes casos de abandono contrastan coas boas cifras de adopcións que xa se están a acadar no CAAN neste primeiro mes do ano, e que continúan a racha do centro. Así, desde o pasado 1 de xaneiro son xa 25 os animais que atoparon un novo fogar.