A retirada do vello céspede, primeiro paso para renovar o campo de Baltar

Sanxenxo
31 de outubro 2025
Actualizado: 17:24

Estes traballos, xunto coa mesma actuación no campo de Noalla, supoñen un investimento de case 628.000 euros. O contrato, por renting, ten unha duración de catro anos

Retirada do céspede do campo de fútbol de Baltar

As obras para renovar o campo de fútbol de Baltar, en Portonovo, xa están en marcha.

Comezaron coas tarefas, por parte da empresa Limonta Sport Ibérica, coa retirada do vello céspede e coa instalación do sistema de rega.

Estes traballos, xunto coa mesma actuación no campo de Noalla, supoñen un investimento de case 628.000 euros. O contrato, por renting, ten unha duración de catro anos.

"Queremos que os nosos equipos xoguen nas mellores condicións posibles polo que estamos a facer un importante esforzo en todos os nosos equipamentos deportivos", asegura o concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola.

O paquete de céspede artificial que se colocará será de última xeración para a práctica do fútbol 11 e fútbol 7.

Retirada do céspede do campo de fútbol de BaltarConcello de Sanxenxo

Cubrirá unha superficie total de 103,25 por 62,50 metros no campo de fútbol de Noalla e unha superficie total de 101 por 62 metros no de Baltar.

O céspede deberá pasar ademais un ensaio en laboratorio homologado do produto e dar cumprimento ás normas FIFA Quality Prol for Football Turf.

En canto ao sistema de rega está prevista a colocación de doce canóns de impacto emerxente de primeiras marcas cun sistema de rotación de 360 graos.

O contrato tamén contempla actuacións complementarias no campo de Noalla como a substitución da varanda e melloras no peche perimetral.