As inminentes obras de rehabilitación integral do IES Valle Inclán obrigaron ao Museo de Pontevedra a activar un plan preventivo para evitar que estes traballos poidan producir algún dano nas Ruínas de San Domingos, monumento co que comparte espazo.
Así, desde este luns e ao longo de toda esta semana, operarios do Museo están a retirar parte das pezas artísticas que atesouraban estas ruínas.
Estes traballos, que se están realizando con moito coidado polo valor destas obras e pola súa gran tonelaxe, están a levarse a cabo "por cuestións de conservación preventiva", segundo indican desde a institución museística a preguntas de PontevedraViva.
Ademais, o Museo quere contribuír a facilitar as obras de rehabilitación do instituto, que executará a empresa Construcciones Ramírez por 4,7 millóns de euros. O prazo de execución desta reforma prolongarase por espazo de catorce meses.
Todas as pezas que están a ser retiradas de Santo Domingo, convenientemente protexidas e embaladas, almacenaranse nas salas de reserva do Edificio Castelo.
Unha vez terminen as obras do instituto, regresarán ao seu lugar habitual.
Ese plan preventivo, segundo o Museo, non alterará o calendario previsto para reabrir ao público este conxunto histórico-artístico, que volverá recibir visitantes desde o próximo 1 de abril.