Retoman a folga en ENCE despois do inicio das negociacións do ERE

Pontevedra
21 de novembro 2025
Actualizado: 15:42

A empresa defende a necesidade de axustes laborais por perdas e anuncia investimentos, mentres o comité de empresa critica a falta de diálogo real e anuncia un conflito longo

Persoal de Ence nunha xornada de folga PontevedraViva

Ence iniciou este xoves en Madrid as negociacións formais do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que afectará á fábrica de Lourizán en Pontevedra e ás oficinas centrais de Galicia, Madrid e Navia.

A compañía asegura que o seu obxectivo é alcanzar un acordo tras comunicar á representación sindical toda a documentación xustificativa do proceso.

Segundo a empresa, tras rexistrar catro trimestres consecutivos de perdas, Ence puxo en marcha un Plan de Eficiencia e Competitividade para o período 2025-2027, coa incorporación de intelixencia artificial e a automatización de procesos, así como a racionalización da estrutura operativa.

Isto suporá unha redución progresiva do persoal ata 2027, todo iso acompañado de investimentos previos en automatización e melloras, especialmente na fábrica de Pontevedra.

En paralelo a este plan, Ence sostén que investiu preto de 220 millóns de euros no seu centro de Pontevedra desde 2015, incluíndo 120 millóns no proxecto "Pontevedra Avanza" e 75 millóns nos últimos cinco anos.

Piquete na entrada da fábrica de Ence en LourizánPontevedraViva

O COMITÉ MANTÉN A FOLGA

Fronte a esta posición empresarial, o comité de empresa mostra a súa preocupación e escepticismo ante o proceso.

Omar Vázquez, secretario do comité de empresa de Ence, afirmou que foi unha reunión protocolaria, na que se entregou a documentación que analizarán no comité e tamén por parte dos asesores sindicais.

Conformouse unha comisión conxunta para o catro centros de traballo, que "desde o comité de Pontevedra non consideramos axeitada e que reclamaremos pola vía pertinente".

Mantéñense as xornadas de folga deste venres 21 e do sábado 22. Admiten que se manterá a folga o tempo que sexa necesario "porque o conflito se vai a prolongar no tempo".

Respecto dos argumentos que realiza a empresa, Vázquez engade: "Falan de obxectivos de acordo e de vontade de negociación, pero seguimos percibindo unha vontade de imposición destes despedimentos, que afectan a 57 traballadores nos catro centros, e mesmo atopamos dificultades para defender a representación laboral".

"Seguen falando de intelixencia artificial e automatización, que soa ben, pero non consta que esa sexa realmente a xustificación do ERE. Agora admiten que amortizar postos esixe investimentos previos, cando o que querían era un cheque en branco sen compromisos. Sobre os investimentos realizados, parécenos propaganda para calquera que coñece minimamente a fábrica ou traballa nela", expón Omar Vázquez.

O comité está a avaliar a documentación entregada e prevé emitir un comunicado ao persoal da fábrica nos próximos días.

Ás 12.00 horas deste venres teñen previsto achegarse ata o edificio da delegación da Xunta de Galicia en Campolongo para reclamar a intervención do goberno autonómico neste conflito laboral.

Traballadores de ENCE na xornada de folga deste 21 de novembroPontevedraViva